A autoestrada do sur na nosa lingua no duplo aniversario de Cortázar

Desde Sermos Galiza:
“O 12 de febreiro de hai trinta anos, morría Julio Cortázar en París. Trinta anos despois do seu pasamento e cando se conmemora o centenario do seu nacemento, a Editorial Trifolium publica en galego A autoestrada do Sur, en tradución de Francisco X. Fernández Naval. (…)
Cortázar, do que este ano se cumpre un duplo aniversario, visitou Galiza e tivo unha relación intensa co país, da man da galega Aurora Bernárdez coa que casaría en 1953.
O escritor Francisco X. Fernández Naval, tradutor do libro, é tamén autor de Respirar por el idioma. Los gallegos y Julio Cortázar, editado na Arxentina por Corregidor. Entre outros episodios que relacionan ao escritor con Galiza está o ter tido como editores a Lorenzo Varela e Luís Seoane e entrou en contacto tamén con exiliados como Rafael Dieste, domicilio arxentino no que o autor escribiu escribiu El examen“.

Café literario con Francisco Fernández Naval

O venres 6 de febreiro ás 19 horas no Casino de Santiago o escritor Francisco Fernández Naval falará sobre Julio Cortázar dentro do ciclo Miradas alleas. Como nos viron, como nos ven. A entrada é libre. O ciclo continuará a semana que vén con cafés literarios a cargo de Juan Carlos Fernández Iglesias, Carlos G. Reigosa e Xesús Alonso Montero.