Murakami presenta en Santiago a edición galega do seu novo libro

Hoxe mércores 11 de marzo ás 20 horas no Casino de Santiago o escritor xaponés Haruki Murakami presenta a súa novela Do que estou a falar cando falo de correr, editada por Galaxia. Traducida por Mona Imai e Gabriel Álvarez Martínez, esta obra chega ás librerías antes en versión galega que en castelán. No acto participarán tamén Ubaldo Rueda, director do Casino, e Víctor F. Freixanes, director de Galaxia. Deixamos a seguir o texto de presentación editorial do libro e o autor:

Haruki Murakami é un dos autores que máis venden e con máis predicamento en todo o mundo na actualidade. Neste libro aborda as súas experiencias como corredor de maratóns ao tempo que reflexiona sobre a súa condición de novelista. Haruki Murakami, nado en Quioto no ano 1949 antes de dedicarse á literatura rexentaba un club de jazz, que deixou aos trinta anos, en 1979, para dedicarse por completo á literatura e á paixón de correr. Desde aquela, deu ao prelo obras admiradas en moitos países e en moitas linguas como “Tokio blues”, “Kafka na beiramar” ou “Tras o solpor”, tamén publicada na nosa editorial e con éxito unánime de público e crítica.

Café literario con Francisco Fernández Naval

O venres 6 de febreiro ás 19 horas no Casino de Santiago o escritor Francisco Fernández Naval falará sobre Julio Cortázar dentro do ciclo Miradas alleas. Como nos viron, como nos ven. A entrada é libre. O ciclo continuará a semana que vén con cafés literarios a cargo de Juan Carlos Fernández Iglesias, Carlos G. Reigosa e Xesús Alonso Montero.

Café literario con Fernando Scornik

O xoves 5 de febreiro ás 19 horas no Casino de Santiago o ciclo Miradas alleas. Como nos viron, como nos ven celebra a terceira sesión dos seus “Cafés literarios” coa presenza de Fernando Scornik, que impartirá unha conferencia co título Los intelectuales gallegos que yo conocí en Buenos Aires. A entrada é libre.