Entrevista de Montse Dopico a Suso de Toro en Praza:
“(…) – Praza (P): Dentro da literatura naceu como unha proposta (ou máis ben unha idea) do pedagogo Xosé Manuel Rodríguez-Abella. Como foi escribir este libro? Supoño que quedará tamén como homenaxe a un amigo que, desgraciadamente, perdiches…
– Suso de Toro (SdT): Hai amigos que son únicos e que se che faltan ficas orfo, este é o caso. Para min a amizade é moi importante, fun e son rico en amigos e amigas, así e todo Xosé foi unha amizade única, compartimos experiencias radicais desde moi novos e estarmos xuntos eran momentos de intimidade e confianza únicos. Alá está e o libro, que é un ensaio á miña maneira, tamén é un relato: comeza cunha encarga dunha persoa e remata con ese final.
– P: Nun dos capítulos deste libro falas da fama como unha maneira de poder. E dis que o autor que unicamente fíe no valor da súa obra, sen ningún poder detrás, probablemente non poderá abrirse camiño. Podes explicar isto mellor?
– SdT: Entendo que a fama vívese máis ben como un espellismo desa idea absurda que é a gloria literaria. E que sexa absurda non quita para que sexa actuante. A gloria nunca se pode vivir, é un froito da morte, e a fama, que é fuxidía e escorregadiza, é a ilusión da gloria. Desde un punto de vista vivencial, penso que a fama é unha forma abondo perigosa de alienación. E que ninguén se faga ilusións: a fama cambia as persoas, aínda que resistas á tentación do enfatuamento cambias porque na creación dese fenómeno no só intervén un suxeito senón que interveñen os demais e se os demais te perciben de determinado modo finalmente xa es distinto. E non hai moita volta atrás, a volver ser quen fuches.
Sobre fiar só no valor da obra, o valor da obra non abonda para que a túa obra sexa recoñecida, atendida e para que se institúa o seu valor. É evidente que o determinante é a posición de poder que teña o autor para que sexa atendida. Sexa poder político, mediático o como sexa. A posición na sociedade de quen escribe condiciona a existencia da obra. Se non tes poder, se non existes na esfera pública, é dicir mediática, a túa obra vai ficando en fóra de xogo.
– P: En relación co anterior, varios capítulos ocúpanse do canon como expresión das relacións de poder: os canonizados adoitan ser homes e dos países e culturas hexemónicos. Do caso da literatura galega pouco comentas: relativizas o papel da crítica porque, segundo dis, case non sae nos medios. Como se constrúe, entón, o canon no caso da literatura galega?
– SdT: Fasme pregunta comprometida e mala de contestar. Coido que o canon na literatura galega neste momento non existe realmente, houbo momentos nos que a cousa era máis simples porque era máis pobre. A valoración das obras era moi condicionada pola ideoloxía política, mesmo pola posición dos autores, autoras, en relación coas organizacións ou figuras do nacionalismo galego.
Houbo un momento no que, penso que debido á falta de capacidade do “tinglado” literario institucional para aceptar novas voces ou estéticas foi o poder mediático madrileño que influíu e permitiu que entrasen e se instituísen esas novas obras. Non sei valorar ben como actuou no asentamento da miña obra ese aspecto: os meus libros dos anos oitenta foron lidos e influíron, mais a miña vivencia foi de que a comezos dos noventa sentíame afogado. A edición en castelán de obras, como Land Rover, cunha recepción crítica e de público deume aire e ánimos. Francamente sentíame sen ánimos.
Hoxe é un momento moi móbil e vivo, non sigo a actualidade mais intúo que é un momento creativo moi interesante. Con todo, sen o papel da crítica non hai unha literatura, a crítica é activa e debe ser creativa sinalando e apostando polas obras en marcha interesantes. O crítico tamén debe correr riscos. (…)
– P: Varios capítulos teñen que ver tamén co debate sobre a autonomía da literatura. Dis que non es partidario de escribir para educar ou concienciar. Ocorre que o autor (coma o xornalista) é tamén parte dunha sociedade, dunha cultura… e forma parte das relacións de poder que se inscriben nelas. Entón ocorre que, ás veces, aínda sen querer, deseduca: educa no machismo, o clasismo, o racismo, a mentalidade colonial, etc. Así, unha cousa é que a literatura se poña ao “servizo de”, esquecendo que ten un fin en si mesma, que é ser literatura, e outra que o autor só poida ser fiel a si mesmo como se ollase a sociedade da que forma parte desde fóra. Dígoo porque ás veces este debate, que é sumamente complexo, se simplifica demasiado… Que pensas ti de todo isto?
– SdT: Insisto en defender a independencia do autor e a obra das dinámicas políticas precisamente porque pertenzo a unha xeración moi afectada pola política e as súas ideoloxías. A min propio custoume liberarme de moitos condicionamentos ideolóxicos para gañar liberdade creativa e na cultura en lingua galega eses condicionamentos estiveron e están aí. Agora observo o que penso que son interferencias de ideoloxías que se incorporaron e se instituíron entre nós con éxito nos últimos anos como é o feminismo.
O feminismo é a mellor noticia do século vinte e comezos do vinte e un. Adoro as valentes sufraxistas e primeiras feministas: non ocupan o lugar que merecen no noso imaxinario. E o feminismo libera corpos e mentes das mulleres e tamén dos homes. Coido que na miña obra o feminismo está presente ao revés, en oco. O feminismo permitiume atender á construción da masculinidade, recoñecerme como home construído.
Se unha ideoloxía, calquera sexa, libera a nosa mente é benvida; se somos débiles e deixamos que ocupe a nosa vida e nos transforme en instrumentos seus, entón deixa de ser liberadora e vólvese opresora, por culpa nosa. O artista ten un deber primeiro: ser libre. Desde aí, utilizando as ferramentas do coñecemento e a súa sensibilidade, pódenos dar unha obra libre e liberadora. Un como cidadán, cidadá, pode defender isto ou aquilo, como artista máis que defender debe procurar, buscar. Con intuición e sen certidume total. (…)”
Arquivos da etiqueta: Land Rover
Land Rover, de Suso de Toro, en búlgaro
Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Contactei varias veces con Suso de Toro durante a súa viaxe camiño de Sofia onde foi convidado a presentar a súa edición de Land Rover en búlgaro. Unha publicación que constitúe outra proeza de Jonathan Dunne e Tsvetanka Elenkova, editores que apostan coma ningún outros coñecemos pola tradución da literatura galega, no seu caso ao inglés e ao búlgaro dende a súa editorial Small Stations. Xaora, esta tradución ten moita miga, tanto polo feito de poñer en valor diante doutro público outro dos nosos clásicos contemporáneos, escrito hai vinte e sete anos, que como Polaroid, Ambulancia, Tic Tac e A sombra cazadora revolucionaron a narrativa galega, como polo respecto e admiración co que sabemos está sendo recibido o escritor Suso de Toro. Esta tradución de Land Rover, novela na que está o xermolo da narrativa bíblica do autor, na que se inscriben a fábula e a historia, o mito e a realidade, espreita sobre a necesidade de estudar e pór en valor a obra dun autor fulcral das letras do noso tempo.”