Gala do Libro Galego, no Diario Cultural da Radio Galega

DesdeRolda Gala do Libro Galego 2016 o Diario Cultural da Radio Galega:
“Presentada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editores e a Federación de Librarías. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Gala do Libro Galego 2016

Rolda Gala do Libro Galego 2016Acordo histórico entre a AELG, a AGE e a Federación de Librarías de Galicia para a convocatoria conxunta e unitaria dos premios do sector do libro galego

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia convocan a Gala do Libro Galego 2016. Un evento que representa un acordo histórico no sector literario galego, ao confluír desde agora nuns únicos galardóns os premios convocados anteriormente de forma separada por cada unha das tres organizacións.

Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da AGE e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de agora todos estes galardóns desaparecen para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido é Gala do Libro Galego.

Estes galardóns nacen co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia, e faranse públicos no transcurso da Gala do Libro Galego 2016, que se celebrará o 14 de maio do próximo ano. Alí entregaranse as distincións nas seguintes categorías:

1. Obra de ensaio
2. Obra de narrativa
3. Obra infantil e xuvenil
4. Libro ilustrado
5. Iniciativa bibliográfica
6. Obra traducida
7. Libro de poesía
8. Libro de teatro
9. Iniciativa cultural ou fomento da lectura
10. Proxecto literario na rede
11. Xornalismo cultural
12. Escritor galego universal
13. Premio honorífico á libraría
14. Premio honorífico á editora

As directivas das organizacións convocantes, previa votación dos seus asociados, farán chegar á secretaria técnica da organización da Gala do Libro Galego até cinco candidaturas para cada unha das once primeiras modalidades, que serán remitidas a un xurado externo, que será nomeado de común acordo polas Xuntas Directivas da AELG, AGE e Federación de Librarías, formado por sete persoas, quen se encargarán de fallar estes galardóns sen dotación económica.

O premio ao Escritor Galego Universal será concedido pola directiva da AELG, o Honorífico á libraría será concedido pola directiva da Federación de Librarías e o Honorífico á editora corresponderá á directiva da AGE.

O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, fixo a seguinte intervención:

“E falando na representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, felicitármonos por este acto que suma capacidades e multiplica os froitos que ofrecer á sociedade. Construír, sumar esforzos, significa dar visibilidade a un dos sectores culturais, sociais e económicos máis importantes e dinámicos da Galiza.

Os escritores e escritoras damos contidos culturais a diversas industrias do noso país, mais somos tamén algo máis: procuramos a inculturación de todo traballo humano sobre esta terra, facemos dela un ser colectivo cunha identidade imborrábel.

A nosa razón de ser é a literatura galega, da mao das nosas editoriais e máis do tecido de librerías que leva a todo o corpo social a seiva nutricia da nosa cultura.

Cal é a dimensión que queremos que teñan estes premios que hoxe presentamos? A de engadir á necesaria visibilidade social que precisa o noso sistema literario nos seus escritores, editoriais e librarías premiados; tamén a carga simbólica de ser unha celebración feita por todo o sector como forma se reivindicar nun tempo da cultura da imaxe, do efémero e veloz, do curto prazo, nun tempo de apagamento da cultura da palabra, no que parece que o libro está en desvantaxe por ter a calidade da interrogación do presente e de dar respostas ás necesidades humanas do medio e longo prazo.

Este ciclo vital de comunicación entre escritor, editor, libreiro e lector non só achega calidade democrática á sociedade á que pertencemos, mais tamén facilita o coñecemento do ser colectivo que somos os galegos, é dicir, existe ese ser colectivo chamado Galiza porque existen escritores que o soñan, editoras que publican e librarías que son lugares da comunicación entre o texto escrito e editado co lector, como ágora ou íntima praza pública.

Neste tempo no que se fala máis de marcas que de cultura, este acto é para nós a reivindicación da escrita literaria como ferramenta de íntimo coñecemento, de afirmación dese ser colectivo que levamos dentro e do que nos orgullamos que se chama Galiza.”

A Gala do Libro Galego acóllese a un acordo marco de colaboración entre a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia, cuxos principais puntos son:

– Escritores, Editores e Libreires somos un sector estratéxico deste país. Así está recoñecido na lei de decembro de 2006 do libro e a lectura de Galicia, aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego. Nela o libro é recoñecido na súa dimensión de ben cultural, económico e social, e debe desenvolver o carácter estratéxico das letras galegas, entre outras achegas, polo seu papel fulcral na normalización cultural e social do noso idioma. Isto está na lei, mais non aínda na realidade. É esta realidade que queremos axudar a mudar.

– Escritores, Editores e Libreiros creamos unha mesa estábel de traballo para a posta en común de propostas, coa intención de facer actividades de defensa do libro galego e das letras galegas no seu conxunto.

– Precisamos dunha industria editorial forte que reflicta a biodiversidade do sistema literario galego, duns escritores que sexan recoñecidos socialmente no seu papel de creadores, dunha obra onde a ética convive e habita a beleza da cultura galega. Precisamos dunha rede de librarías por todo o país que dea visibilidade ao libro galego e sexa lugar privilexiado para a creación de lectores. E sen esquecermos todos os mediadores que conflúen no ciclo de vida do libro e as letras galegas, como as bibliotecas, e centros de ensino, entre outros.

– Para poder conseguir estes fins precisamos da creación do Instituto Rosalía de Castro de promoción da cultura galega; da existencia de plans anuais de lectura; a recuperación da Consellaría de Cultura co necesario peso político e orzamentario; e da implicación real da Consellaría de Industria, con orzamento específico.

Na fotografía superior figuran, de esquerda a dereita, Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG, Xosé Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Xosé Leal, vicepresidente da AGE, Cesáreo Sánchez, presidente da AELG e Laura Rodríguez, presidenta da AGE.

Santiago: IX Simposio O libro e a lectura: O futuro da librería, o 9 de novembro

O IX Simposio O libro e a lectura vaise celebrar en Santiago o venres 9 de novembro, baixo o tema central de O futuro da librería. A xornada vai concitar en Compostela a destacados profesionais do sector do libro. Este foro vense celebrando ininterrumpidamente dende o ano 2004. A actividade está patrocinada por Cedro e organizada pola Asociación Galega de Editores. Colabora o Consello da Cultura Galega. As inscricións pódense realizar até o 6 de novembro neste correo: comunicacion@editoresgalegos.org. O avance do programa é o seguinte:

09:30 h. Recollida de documentación.
10:00 h. Sesión inaugural: intervención do presidente da AGE.
10:30 h. Conferencia inaugural: A comercialización do libro a través das canles das librerías. Desde o punto de vista da edición. Manuel Gil, editor. Presenta Manuel Bragado Rodríguez.
12:00 h. Panel de experiencias de éxito: A utilización das redes sociais nas librerías. Con Xosé Rodríguez Lois, de Redelibros (Vigo), Carlos Airas Cota, da Librería Aira das Letras (Allariz) e Damià Gallardo, de Librerías Laie (Barcelona). Presenta Antón Lado.
13:00 h. As Feiras do Libro, Antón Pedreira (Vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia). Presenta Xulio Amigo.
16:30 h. Mesa redonda: Os modelos de negocio das librerías. Con Librerías Nobel-Grupo Arnoia (Pontevedra), Enric Faura, de Edicat (Barcelona), Juan Carlos Febrero, Casa del Libro (Vigo) e Carlos Coira Nieto, de Libraría Trama (Lugo). Presenta Laura Rodríguez.
17:30 h. Conferencia O futuro da librería, Marià Marín i Torné, Secretario do Gremi de Llibreters de Catalunya. Presenta Belén López.
19:00 h. Conclusións.
19:30 h. Remate da xornada.