Entrevista de Montse Dopico a Xesús Constela en Praza:
“(…) – Praza (P): Unha familia chinesa explotada por un compatriota. Unha parella de axentes de policía que investigan un incendio. Unha muller que vive deitada no sofá da súa casa. Un avó que conta historias de dragóns. Uns pais moi antigos que crían a súa filla como supoñen que é mellor para ela. Son os protagonistas de Lisa deitada, a túa última novela. Cales foron os primeiros personaxes que xurdiron para escribila? Como xorden os demais a partir deles?
– Xesús Constela (XC): Teño o costume de anotar ou pegar en cadernos todo canto pode servirme para utilizar con posterioridade nalgún escrito, e hai moitos anos, aló polo 2000, na Voz de Galicia apareceu unha noticia que falaba dunha muller de Sabadell que vivira os seus últimos nove anos sen se mover para nada dun sofá. Recorteina, pegueina nunha folla dun caderno, e ao redor escribín: “Como era a súa vida cotiá? Quen lle daba de comer? Quen a limpaba?” Moitos anos despois rescatei a noticia e nese momento naceu Lisa. O resto dos personaxes foron nacendo despois arredor dela.
No que ao tema dos chineses respecta, hei dicir que me encanta viaxar e que me considero un gran viaxeiro, e quizais por iso non acepto que ninguén se vexa na obriga de abandonar o lugar onde vive por necesidade e non polo mero pracer de coñecer outros lugares, outras culturas e outros costumes. Os chineses que viven ao noso redor non deixan de ser como os nosos emigrantes e considero que alguén ten que reivindicar unha mellora nas súas condicións de vida.
Son moito máis que o camareiro que nos serve o chop suey no restaurante, a caixeira que nos cobra no bazar ou a persoa que nos fai a manicura, aínda que a xente sempre se queda no máis superficial. Por iso decidín traballar na novela coa familia do avó Jianguo.
As grandes viaxes que permiten os medios de transporte modernos non son bidireccionais. O primeiro mundo viaxa por pracer, o terceiro malvive e non está autorizado a se desprazar ao primeiro sen unha serie de requisitos que me parecen absolutamente intolerábeis.
– P: As distintas historias vanse intercalando, na novela, sen transicións. E só ao ir avanzando podemos decatarnos das relacións entre esas diversas historias. É como se fose un conxunto de relatos que se van entrecruzando. Non é, claro, unha estrutura que non estea presente na narrativa actual mais, algún hai motivo especial para construír a novela dese xeito?
– XC: A vida non é lineal. O pensamento non é lineal. As conversas non son lineais. Procuro unha narrativa que tampouco sexa lineal, achegada o máis posíbel á realidade, que, por certo, tampouco é lineal.
Cada personaxe, ou cada grupo de personaxes da novela, vive nun universo propio que en principio parece illado dos universos dos demais, cando non pode estalo dende ningún punto de vista. Todos formamos parte dunha comunidade que todos estamos, para ben e para mal, inevitabelmente interrelacionados, e xustamente iso foi o que quixen reflectir na narración. Lisa convive cos veciños, os veciños conviven entre eles, a familia de Lin Min e Wang Yong fai o mesmo, igual que acontece con Combarro e Souto, os policías… Pero hai un punto no que todo conflúe por unha serie de peripecias do destino. Acaso non é así a vida? (…)”