“Decálogo da crítica literaria”, por Arturo Casas

Desde Euseino?:
“O profesor e poeta Arturo Casas achégase a esta sección do Decálogo da Crítica Literaria precisamente cando acaba de publicar o libro Procesos da historiografía literaria galega. Para un debate crítico. Ten daquela unha importancia senlleira este decálogo, que se sitúa a carón do obxectivo da antedita novidade bibliográfica, onde se “analiza con sentido crítico os procesos de institucionalización da historia da literatura galega e sinala a necesidade de activar unha innovación metodolóxica da disciplina”. Como acadar ese obxectivo? O autor deste decálogo, malia o aviso inicial para escapar de todo “exercicio idealizador”, indica que esa actualización debe prestar atención a debates teóricos de fondo. Fai unha definición de crítica para logo situala perante un público que tende á “autonomía crítico-lectora e experimenta unha sorte de suficiencia inxenua”. Pode ser a crítica un exercicio libre e incondicionado, pódese preservar o rigor metodolóxico fronte a intereses espurios? Se existe unha delimitación previa da noción de literatura ou non, poida que soamente unha critíca dialóxica, se cadra na liña da filosofía do encontro proposta polo último Althusser: “o ‘materialismo’ da chuvia, da desviación, do encontro e do apreixar”, a chegue a evitar mediante a superación da correlación suxeito-obxecto. Ao cabo, é a multiplicidade crítica a que ofrece certa protección contra todo discurso crítico dogmático.

Sección coordinada e editada por Iván García Campos.

Pesos e medidas
1) Punto de fuga. Case nada do que se diga sobre a crítica se pode formular facendo abstracción do seu tempo histórico, das súas circunstancias culturais e da súa institucionalización como práctica social. Por isto mesmo, facer decálogos da crítica sen baixar ao concreto —e aquí apenas se fará— podería chegar a ser percibido como un exercicio idealizador un pouco fóra de lugar, entre fatuo e peregrino.
2) O nome e a idea. Como acontece con outros conceptos de uso común, denominamos crítica a un conxunto heteróclito de cousas. Como mínimo, diferéncianse dous planos; o da intervención e mediación críticas, coa súa axencialidade asociada, e o dos textos resultantes desa acción, configuradores dunha análise ou dunha opinión, máis ou menos fundamentadas, sobre algo vinculado co feito literario ou co feito artístico. Ese algo pode entenderse de forma restritiva —un libro de poemas, unha novela, un filme— ou de forma máis dilatada, referido a traxectorias, dinámicas e conflitos culturais, aspectos estéticos, ideolóxicos ou sociolóxicos e tantas outras vertentes non limitadas á lectura atenta dunha obra concreta. Porque iso tamén é crítica, e como mínimo tan relevante e produtiva como a de filiación filolóxica ou hermenéutica. Ben mirado, todo este conxunto de actividades e de producións, comprende alternativas extremadamente diversas, non todas honrosas por igual. Nalgúns casos, a crítica limítase á delegación comercial de tarefas para a distribución propagandística das novidades do mercado editorial nos medios de comunicación. Noutros casos obsérvase un exercicio máis ou menos inflexíbel dunha tarefa dirixista, mesmo doutrinaria; ás veces sen conciencia plena de estar a desenvolvela, outras desde determinadas conviccións, militancias ou por simple vaidade (a crítica discorre con algunha frecuencia en lucidos egódromos). A actividade crítica é asociábel, asemade, a certos poderes —ás veces, exiguos—, a un certo capital social, político ou simbólico administrado ao longo do tempo polo propio crítico ou por instancias que o superan. (…)”