“Obradoiro de Novela Cidade da Cultura”

Desde a Cidade da Cultura:
“Escribir é arte e tamén oficio. Require de vontade e de talento, pero tamén de ferramentas que poden ser aprendidas. Enfrontarse á páxina en branco –ou hoxe en día máis ben á pantalla– énchenos de preguntas: como creo personaxes interesantes? Desde que punto de vista conto a miña historia? Estou sendo artificioso nos diálogos? Aburrirei ao lector? Que fago coa novela cando estea rematada?
No Obradoiro de Novela da Cidade da Cultura aprenderás a dar resposta a todas estas cuestións da man de escritores e escritoras galegas de éxito e co apoio dunha axencia literaria profesional, Rolling Words, que brindará a súa experiencia no mundo da edición.
O obradoiro estrutúrase en dúas partes, unha teórica e outra práctica. A parte teórica consistirá en 9 clases maxistrais que terán lugar os venres entre o 1 de marzo e o 3 de maio de 17:00 a 19:30 horas na Biblioteca e Arquivo de Galicia. Cada unha porá o foco nun aspecto concreto da creación literaria e será impartida por autores e autoras especialistas no tema.
1. Introdución ao curso. Empezar unha novela.
[1 MARZO]
Imparte: Javier Peña.
2. O punto de vista narrativo
[8 MARZO]
Imparte: Manuel Gago.
3. Personaxes e diálogos
[15 MARZO]
Imparte: Antón Riveiro Coello.
4. O estilo
[22 MARZO]
Imparte: Arantza Portabales.
5. Estrutura e tempos da novela
[29 MARZO]
Imparte: Xabier Quiroga.
6. Os xéneros
[5 ABRIL]
Imparte: Miguel Anxo Fernández.
7. A corrección da novela
[12 ABRIL]
Imparte: Diego Giráldez.
8. O mundo editorial
[26 ABRIL]
Imparte: Lourdes Díaz.
9. O mercado do libro
[3 MAIO]
Imparte: Siscu Pérez.

Na parte práctica terás, por suposto, que escribir a túa novela, ou polo menos as primeiras 40 ou 50 páxinas. O día 7 de xuño volveremos xuntarnos para poñer en común e corrixir os traballos.
Durante todo o obradoiro terás acceso a titorías co profesorado e disporás dun correo electrónico no que consultar dúbidas ou ampliar coñecementos.
Ademais de adquirir as habilidades e recursos para levar adiante os teus propios proxectos literarios, participando no Obradoiro de Novela Cidade da Cultura acadarás contactos profesionais de calidade e, no caso de demostrar un talento literario sobresaínte, terás a oportunidade de ingresar na nómina de autores e autoras representados pola axencia Rolling Words.
A matrícula xa está aberta a través de ataquilla.com. Dálle forma ao teu talento literario da man de escritores e escritoras galegas de éxito na Cidade da Cultura!”