Desde Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): O seu paso por Luar é un fito na poesía ou na televisión?
– Aldaolado (AL): Polo de agora é unha anécdota, aínda é pronto para valoralo. Ao meu ver está moi ben que o Luar se preste a levar un espectáculo de poesía. Sabemos o que costa vendelo nos bares co cal está fantástico que se poda ver na televisión. Tomámolo con moita alegría. Agora custará menos convencer de que a poesía é divertida. Nos recitais sempre diciamos que queriamos ir ao Luar e debe ser que de tanto desexalo…
– SG: E como chegan dúas poetas ao Luar?
– AL: Pois porque nos chamaron. A ciencia certa non sabemos. Coñecían o que faciamos, posibelmente nos teñamos cruzado nalgún momento. Todo son especulacións. A nós pásanos cousas moi raras. Nunha ocasión vendín un coche nun recital. Facía un poema ao un coche e, no fin, preguntaba se alguén quería mercar un vello que tiña. E vendino! O de Luar debeu ser unha cousa así…
– SG: E vai e fan o seu número coa súa versión bilingüe de “Lingua proletaria do meu pobo”…
– AL: O importante do número é o “speech” inicial que é a razón pola que naceu. É polo que nos coñece máis xente. Se vas a youtube comprobas que é o máis visto de Aldaolado. A realidade da que fala, o da imposición do galego, vai máis alá de Galicia Bilingüe que, por outra parte, está en horas baixas. (…)”
Arquivos da etiqueta: Luar
María Lado e Lucía Aldao: “A algho cheghamos porque estamos no Luar”
Desde Sermos Galiza:
““A algho cheghamos porque xa estamos no Luar”, dixo a poeta María Lado no inicio dos oito minutos de parodia televisiva na que o dúo Aldaolado congregou máis público que en ningún dos múltiples espectáculos que consolidou a súa traxectoria coa poesía e humor como protagonistas.
Para a singular ocasión, María Lado e Lucía Aldao escolleron un dos seus números máis aplaudidos, a tradución simultánea galego-español do poema “Lingua proletaria do meu pobo”, de Celso Emilio Ferreiro, en honor de todas aquelas persoas “que o entenden e non o falan” e, moi especialmente, para brincadeira dos argumentos empregados por Galicia Bilingüe sobre a imposición do idioma. Aldao e Lado lembraron os tempos do bipartito nos que, facendo brincadeira do que dicía a asociación contra a normalización do galego, a presión era tal que “ás catro da mañá chamaban os funcionarios para ver se falabas galego”,
A intervención de Lado e Aldao foi seguida pola rede con sorpresa, pola singularidade que supón que un espectáculo como o seu entre no programa presentado por Gayoso.”