Lois Diéguez: “O corazón das cidades non son os monumentos, son as xentes”

EntrevistaLois Diéguez de César Lorenzo Gil a Lois Diéguez en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): De onde xorde a idea do libro Lugo, a cidade dos tesouros encantados?
– Lois Diéguez (LD): Pois xustamente naceu no deserto de Exipto, ao pé das pirámides. Estaba eu aló con Felipe Senén e puxémonos a cavilar sobre o fascinio que esperta nos galegos a paisaxe do deserto, por contraste co verdor de Galicia. De aí pasamos a comentarmos o meu libro Viaxe ás Terras Encantadas de Lemos –publicado por Edicións A Nosa Terra no 1999– e ao final díxome: Por que non escribes un libro sobre Lugo? E así naceu a idea. Logo foi medrando até que topei co pulo literario do equipo de Engaiolarte e o proxecto foi tomando a forma que agora ten.
– B: Non é unha guía ao uso de Lugo.
– LD: Na editorial Engaiolarte, en palabras do seu editor, Xan Carballa, querían crear unha guía de Lugo para persoas que nunca estiveran en Lugo. E pensei: hoxe en día hai tanto que visitar, temos acceso a tantos lugares, que é o que realmente interesa dunha cidade como a de Lugo? Deime conta que o principal atractivo é o corazón dunha cidade, que se amostra a través das súas xentes. Os monumentos son estáticos, o que realmente move unha cidade e tamén o desexo de visitala son os seus habitantes. Esta obra humaniza a xente luguesa, rompe o criterio habitual de que nas guías se destacan os personaxes sobranceiros. Aquí os personaxes protagonistas son as persoas humildes do pobo de Lugo. (…)
– B: A emoción ten a ver co descubrimento, coa sorpresa… Vostede é un gran viaxeiro e un veterano guía e cronista de viaxes. Como se consegue transmitir esa sensación cando un xa coñece moito un lugar?
– LD: Quen mellor coñece un lugar e polo tanto mellor pode contárllelo aos que o visitan por primeira vez é unha persoa nativa que teña sensibilidade e sexa curioso abondo como para coñecer máis alá do obvio. Certo é que esa sensación de sorpresa, esa vertixe do descubrimento sempre a vai conseguir alguén que chega, ese viaxeiro que vai coa mente aberta, disposto a aprender e a compartir. Eu diferencio turistas de viaxeiros. Os turistas son visitantes superficiais, cheos de preconceptos, incapaces de entraren de verdade no lugar ao que chegan. Os viaxeiros falan cos nativos, observan o que teñen diante, buscan sorprenderse. Para escribir un libro de viaxes o mellor é ser un viaxeiro que conta co bordón dos coñecementos dun nativo. Ás veces, un mesmo pode ocupar os dous oficios: cando escribín a Viaxe ás Terras Encantadas de Lemos decidín que, a pesar de ser eu nacido alá, tiña que coller a mochila e camiñar para encontrar iso que non se aprehende como simple veciño dun sitio. Cambioume moito a mirada sobre a miña terra aquela viaxe. (…)”

Lois Diéguez: “Coñecer o noso patrimonio fai que sexamos máis libres e felices”

EntrevistaLois Diéguez de Carme Vidal a Lois Diéguez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A personalización, a evocación ou o coidado da escrita levan a situar Lugo. A cidade dos tesouros encantados no andel das súas obras narrativas?
– Lois Diéguez (LD): Explicar unha cidade e verlle os seus segredos é moi mecánico. Eu non quería que isto fose unha relación de enderezos, restaurantes, descricións de monumentos e personaxes históricas. Buscaba manter o atractivo literario dunha historia, dun conto, e ao mesmo tempo introducir non só os monumentos e personaxes importantes, senón aqueles outros humildes que lle dan personalidade. Un obreiro da construción, unha mestra, o toliño da cidade, ese obxecto artístico que está nun lugar agochado, a alfaia do século III agochada entre pedras… Mesturar todo este tipo de elementos levados por guías que non foran propiamente humanos, senón elementos humanizados foi o punto de partida da obra. Tentei buscar o corazón de Lugo de forma fermosa, en diálogo co lector ou a lectora. (…)
– SG: En especial desde a súa intensa actividade no asociacionismo cultural, vostede sempre defendeu a necesidade de conservar e valorar o patrimonio. Esa vontade toma parte tamén da elaboración do libro?
– LD: Non aprezar as xoias e os tesouros que temos non deixa de ser unha tacha da nosa formación, non aprezalos ou non sabelos aprezar, mover os ollos para valorar tanta riqueza. O libro quere mostrar eses tesouros e chegar ao corazón das cousas. Algunha xente que o leu e que ten relación coa cidade di unha frase que xa escoitei moitas veces neste tempo de presentación do libro: “Eu que pensaba que coñecía a cidade e levei unha sorpresa!”. Persoas que coñecen Lugo como a súa casa quedaron cos ollos abertos e iso precisamente é o que quería, darlle ese sentido de amor, de orgullo, que se ten que vivir coa lectura do libro. Unha vez se é consciente disto temos gañado moitas batallas no sentido do patrimonio material ou inmaterial. Coñecer o noso patrimonio fai que sexamos máis libres e felices. Tamén é preciso coñecer o que se destruíu, ser conscientes do que se desfixo porque así nos decataremos de que podería ser doutro xeito.
– SG: Que lugar merecen os libros de viaxes na súa obra?
– LD: En todo o traballo que levo feito, a viaxe e o encanto son elementos moi importantes. A viaxe sempre axuda a coñecer cousas, se se fai con humildade e ánimo de coñecemento sempre se van atopar novidades de grande interese. Esa experiencia dáche un punto para coñecerte a ti mesmo e a túa colectividade. Neste caso, na viaxe a Lugo a cidade pasa a ser personaxe, humanizada. Agora quero comezar a traballar cos dezasete lugares encantados do mundo e xa os teño seleccionados. Espazos con moita humildade, que non son grandes monumentos, mais que transmiten unha sensación especial ao viaxeiro que os vive. Contaxiar esa emoción diferente que se pode gozar diante das cousas é o que intento. (…)”

Compostela: presentación de Lugo, a cidade dos tesouros encantados, de Lois Diéguez

Santiago-Invitacion-1024x738