A Coruña e Lugo: presentación do libro de Luz Pozo e José Valentín

deterdiaflor
O vindeiro mércores día 22 de abril, ás 20.00 horas, na Fundación Caixa Galicia da Coruña (Cantón Grande 21-24), terá lugar a presentación do libro Deter o día cunha flor de Luz Pozo Garza e José Valentín, editado por Baía. No acto intervirán, ademais dos autores, Ánxeles Penas, Olga Patiño e Belén López Vázquez.

A seguinte presentación terá lugar en Lugo o mércores día 29 de abril, ás 20.00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de San Domingos, 4), e contará coa participación dos autores acompañados por Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer e Belén López Vázquez.

Lugo: exposición e conferencia de Siro López

Hoxe luns 16 de marzo ás 20:00 horas inaugúrase na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos de Lugo a exposición de Siro López Valle-Inclán: Retratos, caricaturas e visións, promovida polo Clube Cultural Valle-Inclán e que poderá ser visitada até o 19 de abril.

O debuxante e ilustrador impartirá ademais unha conferencia no Salón de Actos da Deputación de lugo (R/ San Marcos s/n), baixo o título Ilustración e literatura con Valle-Inclán como modelo. Será mañá martes 17 de marzo a partir das 20 horas, con entrada libre.

Lugo: presentación de O Globo de Shakespeare

O venres, 6 de marzo, ás 20:00 horas na Libraría Trama de Lugo presentarase a novela de Santiago Jaureguizar O Globo de Shakespeare. Con este acto Jaureguizar remata a súa xira de presentacións do libro premiado en 2008 co Terra de Melide, iniciada no mes de xuño en Melide, e que proseguiu por Ribadeo, A Coruña, Santiago e Vigo. Esta será, tamén, a derradeira oportunidade de probar as reputadas galletas da novela. O acto consistirá nunha conversa de Jaureguizar co editor Manuel Bragado. (Fonte: Xerais Blog)

Novo número da revista Foeminas

Xa está dispoñible online o número de febreiro de 2009 da revista Foeminas (Revista Virtual de Xénero). Foeminas está editada pola Concellería de Muller e Servizos Sociais do Concello de Lugo. O número de Foeminas correspondente a febreiro pon o seu acento na linguaxe e na comunicación, e leva á portada a segunda parte do artigo de Cristina Corral Soilán chamado Limitacións na linguaxe non verbal: a imaxe da muller na publicidade. A sección Enlazad@s toma tamén como eixe central a linguaxe, o discurso e a comunicación cun artigo denominado O que non se nomea non existe. A sección Contemporáne@ recorda o ingreso de Margarita Ledo Andión na Academia das Letras Galegas. Historia de Mulleres recolle a conmovedora historia da “nai dos dereitos civís” en EE.UU., Rosa Parks. A Galería de Arte ofrece o traballo da destacada e tamén esquecida pintora mexicana María Izquierdo, mentres que Mullerciclopedia ocúpase do primeiro libro de poemas de Lupe Gómez chamado Pornografía.