Entrevista inédita de Xoán Carlos Garrido a Francisco Fernández del Riego en Nós Diario:
“(…) – Xoán Carlos Garrido Couceiro (XCGC): Detéñeno en 1955 xunto con Manuel García Barros (Kenkeirades) a raíz dunhas cartas interceptadas a este último. Préndeno pola súa relación cos exiliados.
– Francisco Fernández del Riego (FFR): Eu estiven 24 horas nunha cela da comisaría. E despois, na Peregrina, interrogáronme tres policías. Un deles escribía e os outros golpeábanme. Dicíanme: “Vostede colabora coa prensa dos exiliados…”. Eu alegaba que eran artigos publicados en Galiza que reproducían eles, sen que eu lles enviase nada. Tamén lles comentei que neles saían artigos de Moure Mariño. E eles entón dixéronme “Como sabe vostede que Moure Mariño escribía aí se non recibía esas publicacións?”. Entón tiven que dicirlle que esporadicamente me teñen enviado algún e vin artigos alí del. Pero que barbaridade! Puxéronme os puños na cara… A miña cousa foi máis grave que a de Ken Keirades. A min considerábanme máis responsábel. Estiven con García Barros na prisión da Parda. (…)
– XCGC: Pero se falamos de resistencia cultural ao franquismo, un elemento fundamental foi a celebración do Día das Letras Galegas, e iso foi iniciativa da Academia.
– FFR: Foi iniciativa miña. Eu díxenlle a dous académicos: así como hai un día do libro español e se busca como efeméride o pasamento de Cervantes, podemos facer en Galiza unha cousa semellante. E dixéronme: iso non conduce a nada. E entón eu estiven buscando unha data simbólica e batín con Cantares Gallegos. O 17 de maio de 1863. Entón fixen un escrito. Os dous primeiros cos que falei non quixeron asinar, pero deillo a asinar a Gómez Román e a Ferro Couselo. Reuniuse a Academia, alí falouse do asunto e propúxose. Ao final foi aprobado por unanimidade. Non se atreveron a dicir nada en contra nin a votar non. E de aí arrincou todo. Critícase que debe ser todo o ano letras galegas, pero todo o ano non podemos facer unha declaración dunha institución. Iso teno que facer a xente, non a institución.
– XCGC: Cóntanos que a represión contra a nosa lingua e a cultura foi continua durante o franquismo de diferentes modos, pero en canto a sufrir cadea por isto, entendo que vostede non tivo máis detencións que a do ano 55, non?
– FFR: Tiven outra antes. Sometido a Consello de Guerra Sumarísimo. E estiven 15 días incomunicado. Houbo unha organización que se chamaba o UIL (Unión de Intelectuais Libres) e veu un coronel comunista, o Coronel Chacama, e veu aquí pórse en contacto cos intelectuais galegos para que formásemos parte da UIL. Nós vimos a manobra e negámonos. Ao cabo dun ano, un confidente, ou quen fose, dixo que eu fora nomeado presidente. De Vigo era Darío Álvarez Blázquez, Roberto González Pastoriza, un médico e eu. En Santiago era Ramón Baltar, Villanueva, catedrático da Universidade, e Otero.
Detivéronnos e metéronnos en celas individuais incomunicados. Constituíuse un Tribunal Militar e dixemos a verdade, que non eramos da UIL. E o coronel Chacama, que lle deron uns golpes que lle romperon as pernas a culatazos, dixo tamén a verdade de que non eramos da UIL. E como Ramón Baltar operara a muller do almirante xefe do Departamento Marítimo, pois sobreséronnos. Estivemos un mes máis ou así. Pero xa cos presos comúns.”