Miguel Anxo Fernández: “Interésame o antiheroe”

Entrevista a Miguel Anxo Fernández en Galicia Hoxe:
‘”Interésanme os antiheroes. Personaxes como os de Henning Mankell ou Petros Markaris. Hai un tipo de novela negra europea, que agora está tendo moita repercusión polo fenómeno Stieg Larsson. A min Larsson non me interesa, pero creo que o éxito destes autores ten que ver con que levantan acta da parte escura da sociedade”, comentou.
Do mesmo xeito que as novelas anteriores afondaran, desde a ficción, no que agochan as altas esferas da produción de Hollywood -explotación sexual, corrupción, tratos de favor…-, Lume de cobiza achégase ó mundo dos incendios provocados que serven a intereses urbanísticos ou a recualificación de terreos por políticos comprados.
O contexto daquela sorte de especulación adiantaba ademais a crise económica que veu despois, como resultado do xogo co prezo da vivenda. “Procurei, claro, a verosimilitude. Son personaxes moi reais, por exemplo, as súas parentes, como a tía avoa. O que conto é ficción, pero poderiamos atopar na realidade uns cantos construtores como o da novela, o Demoleitor. Soutelo é un tipo queimado, que está de volta, da falta de sinceridade da clase burguesa, que pode encarnar a súa irmá ou os pais do mozo morto. Ese aspecto social está moi presente, si, na novela”, lembrou.’

Ourense: actividades do 1 de xuño na Feira do Libro

Continúa a XXVII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), aberta até o domingo 5 de xuño, con horario de 11:30 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do mércores 1 son as seguintes:
19:30 h. Presentación do libro de poemas visuais O libro dos cans, de Estevo Creus e do libro de poesía As Nosas Sombras no Xardín de Serralves, de Xoán Abeleira, publicados por Franouren Edicións. Xunto cos autores, participarán no acto Xosé Manuel Vélez Latorre, Xosé Manuel Bouzo e o director da editorial Manuel Ángel García Fernández.
20:30 h. Miguel Anxo Fernández asinará exemplares do seu libro Lume de cobiza, publicado en Galaxia.

O Carballiño: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O xoves 26 de maio, ás 20:00 h., no Casino do Carballiño (Rúa Tomás María Mosquera, 6), preséntase Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto acompañarán ao autor Carlos Lema, Ángel de la Cruz e Eduardo Galán.