O trauma tras o lume, por Marta Dacosta

Artigo publicado por Marta Dacosta en Nós Diario:
“Até que finalice outubro, aínda quedan máis de dous meses de perigo incendiario. Sabémolo porque temos no fondo das células a lembranza do fume de vinte anos atrás ou da devastación de hai oito anos, cando un quince de outubro o lume arrasou montes, aldeas, leiras e cidades. Aínda dous meses de perigo incendiario e o desvarío de quen non executa as partidas previstas, non contrata o persoal necesario, manda retirar bombeiros, mantén anuncios de Ence nos telexornais, difunde modelos de privatización en que se volven plantar eucaliptos e repite propostas que aproba e non executa insultando a nosa memoria.
Levamos no torrente sanguíneo as cinzas dos incendios e na mente un dano irrecuperábel. As persoas que se enfrontaron ao lume en anos anteriores, reaccionan negativamente ante este presente en chamas. Posibelmente nalgúns casos se podería falar de estrés postraumático. Porén, a miña percepción é que non se lle presta a atención debida ás consecuencias psicolóxicas das vagas incendiarias.
Pescudo nas redes e dou cun informe canadense que recolle: “Os datos dispoñíbeis revelan un aumento da prevalencia dos efectos sobre a saúde mental (ansiedade, depresión, desorde de estrés postraumático) nas comunidades afectadas polos incendios forestais”. Uns efectos que son maiores entre as persoas que ven arder as súas casas ou que foron desaloxadas e moi especialmente entre os adolescentes. Ademais habería que falar do incremento do consumo de tabaco e alcol. Existen estudos australianos que recollen que cinco anos despois dos incendios o 20% das persoas afectadas seguían tendo trazos de estrés postraumático.
A isto haberá que sumar os danos cerebrais de momento en estudo, pois malia se ter analizado os efectos da polución nos humanos, aínda se está iniciando a investigación das consecuencias do fume dos incendios. Os investigadores sinalan a posibilidade de danos cognitivos a longo prazo.
E nós que vemos arder Galiza, cando van preocuparse da nosa saúde mental?”

Un futuro habitable, por David Rodríguez

Artigo de David Rodríguez en Nós Diario (foto do autor, do mesmo Nós Diario):
“A vaga de incendios que está a asolar o noso país este agosto ten de novidoso o número de hectáreas calcinadas e a sensación preocupante de estarmos aínda a unha altura do calendario no que fica o suficiente verán por diante como para que os datos de superficie devastada sexan aínda máis avultados. Son os novos fogos do cambio climático e do mundo pos-rural: xigantes, virulentos e dificilmente controlables cos medios que ofrece o paradigma dos estados adelgazados neoliberais e das condicións de traballo precarias.
As imaxes dos accesos por autovía e tren a Galiza, rodeados de lapas, son un torpedo na liña de flotación de dúas das principais apostas propagandísticas da inane acción do goberno Rueda: Galiza como paraíso turístico para madrileños e Galiza como “refuxio climático”. Nin á Galiza paradisíaca dos valos publicitarias e dos reels de Instagram –que ninguén recoñece cando a contrasta co calamitoso estado no que se atopa o medio natural galego– nin ás elucubracións dos cargos da Xunta sobre unha suposta excepción galega ao avance imparable do cambio climático en todo o sur de Europa do que formamos parte lles senta nada ben a sucesión extraordinaria de noites tropicais e a luz espectral das aldeas envoltas en fume encarnado.
Na liña habitual, o discurso da Xunta e do PP consiste en botar balóns fóra, quer culpando o Goberno central por non actuar nun ámbito no que as competencias están transferidas, quer axitando a pantasma do “terrorismo incendiario”, ou calquera outro eufemismo, co fin de evitar toda lectura crítica estrutural do acontecido e de enmarcar o asunto no campo da responsabilidade individual e penal. Este absentismo da Xunta, agardando que a papeleta a solucione a acción doutras administracións ou a autoorganización da xente de a pé que, como pode, defende as súas casas da chegada das chamas, está a adquirir un verniz sinistro e criminal.
O que se pon en xogo nestas vagas de lume, e o reto que vai supoñer a crise ecolóxica para o noso territorio e os da nosa contorna, non é só a perda de biodiversidade nin a erosión dun chan que tarda décadas en rexenerarse, senón tamén a posibilidade de imaxinar un futuro habitable para os que aquí moramos. Se o Goberno de Rueda non ten a capacidade, ou a vontade, de empregar as institucións públicas para que nese futuro habitable tamén se escriba a historia do noso país, o que debe facer é dimitir por incompetencia ou, o que é peor, por neglixencia.”

Aquiles, Obelix e Rueda, por Xoán Costa (editorial de Nós Diario)

Artigo de Xoán Costa no Editorial de Nós Diario:
“A historia da humanidade está tecida de mitos que explican, simbolizan ou cuestionan o poder. De Aquiles a Obelix, os relatos insisten en que non existe forza sen fraxilidade. Aquiles foi mergullado no río Estixia para o facer inmortal, mais o calcañar quedou á intemperie. Obelix caiu na marmita do druída e gañou unha forza permanente, mais tamén unha prohibición: non volver beber a poción. Ambos condensan o paradoxo do liderado e mostran que a aparencia de invulnerabilidade depende sempre dun punto fraco.
Alfonso Rueda, presidente da Xunta e herdeiro político de Feixoo, ergue hoxe o seu liderado sobre unha panela xa feita: a continuidade dun poder consolidado. Mais ese mesmo capital pode ser tamén a súa condena se non logra mostrar respostas novas. E todo indica que non pode, ou non as está a oferecer. A vaga de incendios que volve situar Galiza no mapa da emerxencia pon a proba a súa xestión, e a resposta dada semella repetir esquemas de anos pasados.
Rueda encarna un liderado que aparenta invulnerabilidade, mais en momentos críticos como estes revela zonas fráxiles. O lume é hoxe o seu punto fraco. En política, como na mitoloxía e na banda deseñada, non hai heroes invulnerábeis. Todo ten o seu calcañar. E na Galiza, cada verán, o monte arde para nos lembrar que o mito da invulnerabilidade non ten futuro.”

Árbores que falan, por María Reimóndez

Artigo de María Reimóndez en Nós Diario:
“Imaxino que para as árbores, as palabras humanas non significan gran cousa. Porén, as árbores falan cos feitos. Eses que ignoramos a cada paso, simplemente porque as súas experiencias vitais son o contrario ca as de moitos seres humanos.
As árbores non son obxectos, tema que cómpre lembrar cada día: son seres vivos. O feito de que non bruen nin sangren fai que a nosa empatía cara a elas sexa aínda menor ca a que amosamos cara aos animais. Mais o certo é que este planeta no que estamos foi creado por bacterias para a vida vexetal. O resto foi unha concatenación de feitos da que os seres humanos cada vez semellamos ser o seu peor resultado.
Fronte ao afán de construír colectividade das árbores, o noso afán destrutivo capitalista pon en perigo todo o que paga a pena. O desprezo polas árbores vai da man do desprezo por culturas de todo o planeta que buscan deixar a mínima pegada no que as rodea, culturas que, imitando as fragas e bosques, buscan existir sen producir nin consumir como obxectivo final. E, loxicamente, as árbores producen algo tan nimio coma a propia vida mentres nós as vemos como recurso, acugulamos rego tras rego de eucalipto ou piñeiro sen máis consideración.
Nos espazos que crean as árbores e non os seres humanos, entran colectividades e individualidades de seres vivos, disputas pola luz ou pola auga, pero sobre todo a colaboración para crear diversidade. Porque as árbores son quen de sentir por todo o corpo (tamén o lume), comunícanse de formas moi complexas, mediante compostos químicos, por asociacións con fungos.
Agora que a fraga cala e só se sente o crepitar do lume, que dirán as árbores coas súas derradeiras palabras? Que ecosistemas serán quen de crear convertidas en cinsas (porque cando morren doutro xeito, seguen creando vida). As árbores, a diferenza das persoas, son a base da vida e a súa ollada pausada e reflexiva debería facernos cambiar de rumbo en absolutamente todo o que facemos como especie.
Mentres non entendamos isto, as nosas políticas forestais seguirán rexidas por quen observa un obxecto do que tirar partido, por quen non coida porque para que, por quen quere expulsar as persoas que poden protexer as árbores no seu hábitat compartido, por quen quere implantar proxectos de lucro no territorio, por quen só pensa no cazo e non na vida que se esfarela en faíscas. E aí é onde as persoas debemos erguer a voz e a man no seu nome agora e cada día.”

Incendios intencionados e política inadecuada, por Ramón Varela Díaz

Artigo de Ramón Varela Díaz en Mundiario (foto do autor, desde Nós Diario):
“Oito comunidades autónomas están afectadas neste momento por incendios forestais. A 14 de agosto, o lume afectara xa 148.205 hectáreas no Estado español no que vai de ano, segundo o Sistema de Información de Incendios Forestais Europeos (EFFIS), cando a media anual (2006–2024) é de 79.570 ha. De 22 países europeos con datos, España está hoxe á cabeza e Galiza, como case sempre, situarase tamén no grupo de cabeza das comunidades autónomas tanto en número de incendios como en superficie arrasada. Na actualidade xa se superaron as 23.000 ha e a cifra segue subindo; mesmo o presidente galego admite que a situación “vai seguir sendo moi complicada” nos vindeiros días.
Mentres no Estado a superficie forestal ocupa o 56 % do territorio, en Galiza o forestal (arborado e desarborado) representa o 68,6 %, co agravante de que as repoboacións fixéronse con especies pirofíticas, é dicir, que arden ben, propagan o lume e saen beneficiadas del, xa que a súa estratexia biolóxica de ocupación e avance no territorio depende en parte do lume.
Problemática: Os incendios provocan perda de paisaxe, biodiversidade e hábitats; impacto na saúde pola inhalación de partículas finas PM2,5 e substancias tóxicas; emisión de monóxido e dióxido de carbono (CO2) e doutros gases que contribúen ao cambio climático. Interrompen o tráfico e as vías ferroviarias, obrigan a desaloxos e provocan vítimas humanas ao intentar apagalos.
No eido económico, xeran perdas importantes directas en propiedades, granxas e vivendas, e volatilízanse os cuantiosos fondos e recursos dedicados ao tema. Posteriormente hai que engadir a erosión, o aumento do risco de inundacións, os corrementos de terra… Tamén crean no rural desánimo, rabia e impotencia.

O caso de Ourense
Ourense é a provincia máis castigada polo lume (segundo La Región: Chandrexa de Queixa, dous incendios con 10.500 ha queimadas; Maceda, 2.200 ha; Oímbra, 5.000 ha; A Mezquita, 4.500 ha, e outros moitos máis pequenos). Curiosamente, é a provincia máis montañosa, menos forestal arborada e presenta grandes extensións de monte baixo sen arborado (ou mínimo), monte privado pertencente a comunidades de veciños.
O monte baixo ten gran riqueza de hábitats e é rico en biodiversidade. Antes, na economía labrega, cumpría diversas funcións: pasto para animais en liberdade ou semiliberdade (cabalos, vacún, ovellas, cabras…), cultivo temporal de cereal —Ourense foi hai décadas a provincia cerealística de Galiza—, aproveitamento para a caza, para a recollida de cama do gando e para estrume. Hoxe está practicamente desaproveitado, ignorado e incendiado continuamente, sen que exista unha política de ordenación e recuperación adecuada, como esixe a realidade económica e social.
Os incendios non son unha novidade en Ourense: entre 2015 e 2024 queimáronse 102.421 ha, de 185.562 ha queimadas no conxunto de Galiza. Nesta provincia rexistráronse 6.618 lumes de 17.172 no total galego, é dicir, o 38,5 %, e arde de media o 55,2 % da superficie que se queima en todo o país. Nos últimos 30 anos, Ourense estivo sempre á cabeza en grandes incendios forestais (GIF) e en superficie queimada. Entre 2015 e 2024 producíronse na provincia 21 GIF, de 34 no total galego, queimando 121.744 ha, o 50 % da superficie queimada en Galiza. Se no conxunto do país os lumes son intencionados nun 74,9 %, na provincia de Ourense chegan ao 79 %.
Quen quere que a situación siga así? Que políticas se puxeron en marcha para reverter a situación? Son responsábeis os gobernantes do Goberno galego e da Deputación? A administración potencia o abandono do rural e favorece a irracional repoboación forestal con piñeiros e eucaliptos. Facilita a entrada de grandes empresas e multinacionais da minería para explotar o monte (litio, coltán…) sen que Galiza obteña beneficio económico ou social. Non importa que estas actividades cheguen aproveitando subvencións, consuman grandes cantidades de auga, xeren contaminación e provoquen desastres paisaxísticos. Aquí non se transforma o mineral que se extrae (postos de traballo limpos), e os beneficios empresariais tributan fóra do país. Todo está perfecto para o capital e a administración.
As empresas eléctricas Naturgy, Iberdrola, Endesa e Greenalia ven o territorio galego como un espazo a conquistar. Proba diso é que xa converteron Ourense nun monocultivo de electricidade (Miño, Sil e afluentes) e pretenden seguir producindo con bombeo hidroeléctrico ou almacenando a electricidade en baterías para exportala máis tarde (Galiza exporta a Portugal, Madrid e Euskadi máis da terceira parte da electricidade que produce). Por se fora pouco, ven Ourense e Galiza enteira como un gran parque eólico de onde obter cuantiosos beneficios, deixando apenas nada.
Queremos iso? Teñen sensibilidade de país os nosos gobernantes? Ourense, abandonada desde o franquismo, sufriu un despoboamento alarmante que continúa hoxe: segundo o INE, pasou de 430.159 habitantes en 1981 a 304.467 no rexistro de 2024. Onde está a ordenación do territorio racional, ecolóxica, sostible e social que mellore a economía do rural? Onde están as medidas para recuperar poboación e servizos?

Paos de cego contra o lume
O presidente da Xunta dicía en decembro de 2024 “que contaba cun dos dispositivos contra o lume mellores de Europa”; vese que non é así: fixo o ridículo. En 2023 externalizou o sistema de loita aérea contra o lume por 13,4 millóns ata 2026, sen que iso estea a dar resultado. Anunciara no Plan contra incendios (Pladiga 2025) novidades como a creación da figura dun xefe de loxística en grandes incendios, o aumento dun 20 % na formación e adestramento do persoal, plans preventivos para parques naturais, incremento da rede de videovixilancia, uso de drons, máis profesionais dispoñibles, helicópteros, motobombas, brigadas, axentes, técnicos, palas… Todo co obxectivo de que ardesen en 2025 menos de 18.554 ha, obxectivo que tristemente xa non se cumpre a estas alturas de ano.
A pesar do gasto de máis de 200 millóns de euros por parte do Goberno galego e de 5,2 millóns destinados este ano ata maio pola Deputación de Ourense, estamos igual que outros anos, sen avanzar. Isto indica que a prevención é insuficiente ou está mal enfocada, e que a extinción é un fracaso. A investigación e detención de culpábeis queda en mera intención teórica. Aquí arde todo: monte arborado e desarborado, pastos… e, para colmo, prodúcense evacuacións e quéimanse vivendas.
Algo parecido sucede con áreas protexidas: os incendios chegaron a parques naturais, ardendo nos últimos anos o 32,38 % da súa superficie, ou a zonas da Rede Natura 2000, con espazos que queimaron en pouco tempo máis do 15 % da súa extensión.
Preguntámonos: podemos esperar unha política axeitada que remate cos incendios e permita deter os incendiarios? En Galiza está demostrado que non.”

Imaxinar o inimaxinábel, por Lois Pérez

Artigo de Lois Pérez, publicado na web da AELG:
“Ao Mestre da Memoria 2023 da AELG, Xan do Vilar, escoiteino falar en Quiroga dos castiñeiros e do souto máis fermoso do Courel, aínda emocionado polos sucesos daquel gravísimo incendio onde o perdera todo; a Anxo Moure, falarme con tenrura no curuto da Casa da Árbore en Garabelos (Chantada) dos teixos, pero tamén de moitas outras árbores e do bosque, en conversas en Tui e nunha viaxe en coche dende Carballo a Lugo; a Daniel Caxigueiro, contarme abraiado no xardín da súa casa en San Martiño de Foz, do poder analxésico do zume dos salgueiros, do que soubo por un ancián polaco ao que lle caeron as bágoas ao ver un salgueiro como o da súa infancia –un pasatempo da súa nenez era zugar da cortiza do salgueiro–; á miña amiga Merce Grueso dicirme das carocas, eses buracos na cortiza que teñen algunhas árbores que semellan a boca da terra que ninguén escoita ou o oído ao que ninguén lle bisba nada pero que nos interpelan algunhas mañás de néboa no río, de cando en vez, como unha revelación; a Nito da Arousa, relatarme na súa casa da Illa, dos milleiros de árbores autóctonas que leva replantado alí e da resistencia do eucalipto e do difícil que é desfacerse del, como un soldado ferido na batalla ao que só lle restase camiñar. Polo escritor noruegués Karl Ove Knausgaard souben da micorriza, un fungo microscópico que, seguindo a idea de Suzanne Simard, forma unha rede subterránea que permite ás árbores compartir nutrientes e comunicárense, desafiando a visión individualista da nosa evolución como sociedade, suxerindo unha cooperación profunda entre todos os seus seres, moi por diante deste brutalismo patrimonialista en curso a nivel planetario (confundir o de todos co dun para facelo dun). Esas persoas e libros foron mellorando a miña conciencia do inmenso patrimonio natural que posuímos e mudaron para sempre a miña ollada puramente amábel e espontánea que calquera pode sentir ao percorrer unha fraga ou unha montaña. E a canción de Nacho Vegas: Ser árbol. E diante das imaxes que estes días dan conta da traxedia que está a vivir o noso país ardendo, veume tamén á cabeza unha lámina que había no meu cuarto cando era neno: ese debuxo de Castelao dun neno apertado ao tronco dun castiñeiro. As árbores son palabras e o bosque é a lingua. A lingua é territorio. O noso patrimonio é vida. A terra que pisamos, o ceo sobre as nosas cabezas.

Por que lembrar todo isto? Esperanza? Negación? Instinto de conservación? Non. Iso que hoxe vemos arder ponme en contacto co pouco que eu sei do que arde. Pero abondo para decatarme da dimensión da traxedia.

No incendio máis grave da nosa historia, o presidente Rueda di que “o plan de incendios estaba perfectamente preparado”. Pero é unha afirmación que entra dentro dun gobernar performático que é simular que se goberna. Esa simulación condiciona o resto da acción de goberno porque son accións destinadas a aparentar algo que non se corresponde coa realidade para saír mellor parado. O que nos di a realidade é xustamente o contrario: que o plan non estaba perfectamente preparado. Porque os lumes continúan sen ningún control ameazando con devorar outras zonas do país.

Cal é o grao de desidia e incompetencia desta xente que está na Xunta? Que senten exactamente polo seu territorio, pola súa paisaxe, polo seu país, pola xente? Que é o que entenden polo ‘seu país’? En que consiste exactamente na súa cabeza todo iso? Unha máis unha son dúas e o día ten 24 horas. E se este é o incendio máis grave da nosa historia e en dez anos non tomaches unha soa medida das 100 que che propuxeron os científicos en 2016, que nome lle damos a iso? Non é a túa responsabilidade? Non deberías dimitir, cesar ninguén? Irte?

Así que agora precisamos imaxinar o inimaxinábel. Adam Przeworski, ao fío do que vai acontecendo con Trump en USA, fala da incapacidade que temos como sociedade para ‘imaxinar o inimaxinábel’. É paradoxal, porque o que non somos quen de imaxinar como sociedade, si somos quen de imaxinalo como individuos. Moitos dos logros e transformacións como persoas xorden desa capacidade que temos para transformar o que imaxinamos en realidade. Pero iso é no plano individual ou en pequenos colectivos. No social é algo moi difícil, aínda que haxa excepcións. Abondan os casos do inimaxinábel cunha forte carga negativa, do que hai moitos exemplos ao longo da Historia. Pero nun sentido positivo de transformación social é algo máis escaso. Porén, esas derivas ao negativo veñen desa incapacidade para imaxinar o inimaxinábel. Tememos achegarnos a esa zona. Asociámolo co dramático, o tráxico, o perigoso. A perda. A morte. Esta, precisamente, resúltanos difícil de imaxinar porque batemos cos límites do descoñecido. E iso provócanos unha sensación de baleiro na medida en que é algo que escapa á linguaxe. Sen palabras das que aganchar resúltanos case imposíbel e fuximos dese lugar.

Pero precisamos vencer esa imposibilidade e imaxinar o inimaxinábel, aínda que nos resulte doloroso. Se os incendios destes días queimaron unha cantidade inmensa do país, precisamos imaxinar o que pode pasar nunha semana, dúas ou tres, xusto nese momento, cando pensabamos que xa pasara todo. Precisamos imaxinar, non que arde unha provincia enteira, senón que arde o país enteiro. E que se aplican medidas iguais ou semellantes, cos mesmos responsábeis que neste momento viven máis preocupados de gardar os seus intereses cós da cidadanía. Si, precisamos imaxinar o inimaxinábel, mobilizármonos e empurrar cívica e pacificamente esta xente fóra do goberno do país. Se non somos quen de imaxinar o inimaxinábel, acabarán pouco a pouco con todo. Até que non quede máis ca terra queimada.”

Vacina dos incendios, por Marilar Aleixandre

Artigo de Marilar Aleixandre en Nós Diario:
“As situacións máis angustiosas que vivín son ter un dos meus debaténdose entre a vida e a morte e intentar apagar no medio da noite un incendio que ameazaba a casa. Ás veces, nos pesadelos, represéntase a lingua de lume avanzando polo monte de Toba e uns poucos veciños e veciñas loitando con pas por detelo.
Hoxe o pesadelo é realidade para a xente en Galicia que ve o lume levar por diante árbores, cultivos, paisaxes, casas nas que acougan memorias de xeracións, a súa vida. 60.000 hectáreas, talvez máis ao se publicar o artigo. Alcanzando Pena Trevinca, un símbolo no imaxinario do país, o Teixadal de Casaio. Arrasando parte do bosque de Ridimoas, os piñeiros, de momento sálvanse as caducifolias: un sinal.
Enfermidades e incendios teñen en común, ademais da angustia, que a forma máis eficaz de evitalos é a prevención. As vacinas salvan millóns de vidas. As vacinas contra os incendios son as políticas de prevención.
Estes incendios son distintos debido á crise climática, ao aumento desbocado das temperaturas, á seca. O fume impide, ás veces, actuar a helicópteros e avións. Cómpre apoiar todas as medidas para abandonar as enerxías fósiles.
As ecoloxistas, Adega, propoñen políticas forestais de xestión dos montes que preserve as súas funcións: limpar durante o inverno, repoboar con caducifolias, promover a gandería extensiva, deter a plantación de eucaliptos, non permitir a conversión en forestal de terras agrarias. A prevención require persoal contratado todo o ano, non seis ou nove meses, suficiente –a Xunta convoca agora 117 prazas de bombeiros e aínda hai vacantes–. As condicións laborais: ningunha comunidade autónoma aplica o novo Estatuto de bombeiros forestais de novembro. Pois, lembro, as competencias de prevención e extinción de incendios son das comunidades.
A solución non é aumentar as penas para os incendiarios. Si tomar en serio a crise climática.”

A AELG apoia as concentracións convocadas pola Plataforma Por un monte galego con futuro o 21 de agosto

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega apoia a Plataforma Por un monte galego con futuro, e anima a cidadanía a participar nas concentracións nas cidades e comarcas do país convocadas pola Plataforma o 21 de agosto ás 20:00 h.

Os nosos montes, por Carme Adán

Artigo de Carme Adán en Nós Diario:
“Terríbel. Esta é a palabra máis repetida nesta vaga de lumes. Desesperación e tristeza ante unha perda humana, gandeira e medioambiental irreparábel. A veciñanza desesperada apaga os lumes como pode. Onte escoitaba a unha amiga narrar como usan xestas porque non teñen material. Fora a propaganda política e os chalecos dos cargos políticos do PP, a situación é desoladora. Era cuestión e tempo, meteorolóxico e cronolóxico, que isto sucedese.
As brigadas e os bombeiros en situación precaria e só contratados por tempadas. Mentres, o gasto en militarizar en Europa imponse como unha prioridade, o desleixo cara o agro e o monte é unha constante na Galiza e no Estado. A Xunta entende o monte como un monocultivo de eucaliptos e piñeiros para o negocio das empresas pasteiras; véxase o seu empeño por lexitimar acabar coa riqueza da Ulloa. O modelo de Altri ou Ence sabemos que non xera riqueza no país, todo o contrario: deteriora formas de vida que respectan a biodiversidade.
Hai que pedir responsabilidades en dous sentidos nesta catástrofe. Un sobre como se afronta a extinción dos incendios e outro sobre a prevención. Porque faltaban efectivos cando as alertas por calor extremo se repiten dende hai un mes? Onde están os efectivos da Xunta? A coordinación cos concellos? Non chega coas roldas de prensa nin co control mediático. Anos reducindo os orzamentos e rezando para que chova ten consecuencias. A realidade deixa ao descuberto que os montes necesitan unha política forestal que os poña en valor todo o ano. Aí comeza a prevención. Non é un pacto pola emerxencia climática, é escoitar aos que viven no rural e levan proxectos de rexeneración das especies autóctonas. Especies que en moitos casos son devasas naturais.
A prevención sempre é lenta e cara. No caso da política forestal, as persoas expertas levan décadas alertando da necesidade de mudar o modelo de explotación do monte. Pensemos que os pastos de gando están sendo reforestado con eucalipto, que non se roza o monte ou se fai só para plantacións de especies de crecemento rápido. O suposto abandono do rural asúmese como un mal necesario en nome do progreso. Vai sendo hora de poñer en cuestión que entendemos por “progreso”. Unha palabra vencellada ás cidades e a industrialización da que hoxe, a pouco que a sometamos a análise, vemos as súas trampas.
A respecto desta cuestión quixera facer unha reflexión. Hai xente nova que se viu expulsada do espazo rural por falta de servizos e pola infravaloración do traballo no campo. Explotacións que tiveron que pechar pola baixada dos prezos ou o consumo alimenticio baseado nas grandes superficies son un exemplo. Vivimos de costas ao monte. As crianzas aínda máis. Podemos repasar os contidos curriculares, ou incluso os transversais e detectaremos un desprezo polo noso rural. É certo que en ocasións poñemos o acento no deterioro do planeta, sen reparar que o ecoloxismo é un compromiso coa natureza e a vida desde nós e o noso contorno.
Servirá tanta dor e tantas perdas para que outra política forestal se poña no centro do debate e dos orzamentos?”