Desde Sermos Galiza:
“Borxa González Tenreiro, tradutor natural de Ferrol e residente en Lisboa e colaborador de Sermos Galiza, é o gañador da XII edición do premio a artigos xornalísticos normalizadores que convoca o Concello de Carballo. Un certame ao que concorreron un total de 37 traballos e onde o xurado elixiu ‘Non por min; por eles’, de Borxa Tenreiro.
O xurado acordou por unanimidade concederlle o premio, dotado con 1.000 euros en metálico e a publicación en todos os medios colaboradores, a este artigo. Os argumentos do xurado para esta decisión son “pola súa capacidade de argumentación a prol do ben común, polo seu pragmatismo na defensa do idioma e a capacidade de transcender a argumentos románticos ou abstratos, cos que se procura desmontar a falsa dicotomía entre plurilingüismo e defensa do galego, e que desde o coñecemento de diversas realidades sociolingüísticas realiza unha proposta clara para a defensa da lingua, neste caso a inmersión lingüística. Destácase a clareza expositiva e que o artigo é un alegato contra un suposto dereito á ignorancia que foi axitado nalgún sectores”. Logo da apertura da plica, coñécese o nome do autor, que é Borxa González Tenreiro.
O xurado estivo formado por Inés Rodríguez Muíño, concelleira de Normalización Lingüística, como presidenta do xurado; Luz Cures Vázquez, gañadora da edición anterior e profesora de lingua galega no ensino secundario; Olalla Rodil Fernández, redactora de Sermos Galiza; David Lombao Rodríguez, director de Praza Pública; e Nel Vidal Barral, técnico de normalización lingüística do Concello, como secretario, con voz e sen voto.”
Arquivos da etiqueta: Luz Cures
Luz Cures gaña o XI Premio a artigos xornalísticos de lingua Concello de Carballo
Santiago: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón
A sexta feira 13 de decembro, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural do Ensanche (Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editora e a A. C. O Galo, participan, xunto ao autor, Marcos Maceira, Luz Cures e Manuel Bragado.
Carballo: actividades do xoves 25 de agosto na Praza dos Libros
Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolverá entre o xoves 25 e o domingo 28 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o xoves 25 de agosto:
– 13:00 h. Pregón a cargo de Rosalía Fernández Rial, coa participación de Mar Eirís e Evencio Ferrero.
– 19:30 h. Presentación do libro de relatos Madeira de mulher, de Adela Figueroa, publicado en Edicións do Castro. No acto estará acompañada por Celsa Sánchez, Paco Graña e a música de O Mighelo.
– 20:30 h. Presentación do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan, acompañando ao autor, Xosé Regueira, Manuel Bragado e Luz Cures.
O programa completo pódese descargar aquí: Praza dos Libros Carballo 2011.