Rematan os Encontros Literarios organizados pola Sección de Literatura do Liceo de Ourense cunha conferencia-coloquio que reunirá ao escritor Manuel Vicent e o xornalista Ángel Sánchez Harguindey arredor do tema Relato corto y articulismo. Será mañá venres 6 de febreiro ás oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da entidade, con entrada libre.
Manuel Vicent, escritor e xornalista valenciano, publicou en Alfaguara Tranvía a la Malvarrosa (1994), Jardín de Villa Valeria (1996), Las horas paganas (1998), Son de Mar (Premio Alfaguara 1999), La novia de Matisse (2000), Cuerpos sucesivos (2003) e Verás el cielo abierto (2005). Colaborador habitual do xornal El País, unha escolma dos seus artigos están recollidos en Nadie muere la víspera (2004). Viajes, fábulas y otras travesías (2006) e Comer y beber a mi manera (2006) son os seus últimos libros publicados.
Ángel Sánchez Harguindey é adxunto á dirección de El País, xornal no que traballou desde a súa fundación, sempre vencellado á área de Cultura e Espectáculos. É autor do libro Memorias de sobremesa. Conversaciones con Rafael Azcona y Manuel Vicent.