Marcos Abalde: “Já chega de que qualquer documento de cultura seja um documento de barbárie”

Entrevista a Marcos Abalde en Praza:
“Gañador do Premio Álvaro Cunqueiro 2011 cun texto a xeito de barricada, A Cegueira, co que reivindica un teatro poético, transgresor e arriscado, o novo dramaturgo Marcos Abalde (Vigo, 1982) reflexiona sobre o teatro galego e o universal, sobre o capitalismo e o naturalismo, sobre a “hexemonía da estupidificación” e o odio á cultura.
– Praza (P): Vés de gañar o premio Álvaro Cunqueiro con A cegueira, un texto do que o xurado destacou o seu carácter aberto, transgresor e arriscado. Cres que a literatura dramática galega actual é conservadora?
– Marcos Abalde (MA): Depende do que consideres “conservador”. Dum ponto de vista estético, há um domínio do teatro figurativo. No entanto, também começam a ser reconhecidas novas dramaturgias. Penso em Santiago Cortegoso ou em Vanesa Sotelo, por exemplo.
– P: Nalgún outro lugar reivindicaches a tradición do teatro poético galego, e citaches os nomes de Otero Pedrayo e Xesús Pisón. Que pode achegar o teatro poético no teatro galego no século XXI?
– MA: Pois levantar umha barricada contra os administradores da morte, proclamar a greve geral contra a língua choca das telenovelas ou arremeter contra a ilusom de naturalismo. Eu nom conheço outra maneira de abraçar o horror do mundo se nom é criando um espaço fora da lógica do apartheid global. (…)
– P:

Marcos Abalde gaña o Premio Álvaro Cunqueiro e Paula Carballeira o Manuel María de Literatura Dramática Infantil

‘”Un texto moi pouco compracente, situado nun contexto de guerra onde se desenvolve unha cerimonia eucarística” así explicou Marcos Abalde (Vigo, 1982) o ambiente no que se sitúa o seu texto, A cegueira, elixido por maioría como o gañador do XX Premio Álvaro Cunqueiro. O premio está dotado de 6.000 euros máis a “posibilidade” (se existe orzamento) de publicar o texto dentro da colección Biblioteca Dramática Galega que a Agadic, convocante do premio, coedita con Edicións Xerais de Galicia. O texto será publicado en catro meses, tal e como comentaron fontes de Agadic. Paula Carballeira gañou o Manuel María de Literatura Dramática Infantil, coa obra O refugallo, mentres o xurado declarou desertas “por unanimidade” as dúas modalidades do Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques.
O Premio de Teatro Manuel María de Literatura Dramática Infantil recaeu “por maioría” na autora Paula Carballeira sobre un texto que, en palabras da gañadora, “fala do que se prescinde e se tira, como pode ser a cultura ou o teatro nestes tempos.. que se reconstrúe a través da capacidade que teñen os nenos de imaxinar”. Para a autora, os 6.000 euros de premio “serviranlle á miña compañía, Berrobambán, poder facer os nosos textos e asumir outros proxectos máis arriscados, polo que estou moi contenta”. Pola contra, Anxo Abuín, profesor da Universidade de Santiago e presidente do xurado, asegurou que “por unanimidade” decidiron declarar desertos os textos presentados ao Premio Barriga Verde de Monicreques nas súas modalidades. “O xurado tomou esta decisión porque as obras non tiñan calidade literaria e a viabilidade escénica”. (…)”. Vía Cultura Galega.

Marcos Abalde Covelo gaña o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo 2011

O xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo reuniuseo luns 2 de maio para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 48 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en A Nosa Terra Diario, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Radio Líder, Tempos Novos e Xornal de Galicia, ao artigo titulado Empoderármonos, de Marcos Abalde Covelo. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese ao “paralelismo entre a situación das mulleres e a da lingua galega, adentrándose na violencia simbólica exercida contra o galego e contra as mulleres”. Na acta do xurado sinálase que o artigo “fala sobre a hibridación do galego co castelán, ten interesantes conexións intertextuais e chama a atención individual fronte a esa situación”. Ademais, “destaca a súa calidade lingüística, a linguaxe directa e a capacidade de incidencia no público”.
O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo Gas, do autor Diego Giráldez, e recoméndalles aos medios colaboradores a súa publicación. O accésit concédeselle “pola necesaria reivindicación dos medios en galego, nun momento difícil para eses medios” e pola “calidade de estilo e as referencias intertextuais, tanto a ámbitos literarios como científicos”.
O xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa, redactora da revista Tempos Novos; Marica Campo, profesora, escritora e gañadora da edición 2010 do certame; Iván Méndez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cerceda e colaborador en prensa; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto. Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.
A entrega do premio terá lugar no transcurso da Festa da Lingua, que terá lugar o sábado 7 no Pazo da Cultura de Carballo, e na que actuará o grupo musical Marful, o teatral Berrobambán e será presentada por Yolanda Castaño.

Santiago: presentación de Canibalismo, de Marcos Abalde

O venres 21 de xaneiro, a partir das 19:30 h., na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.) de Compostela, preséntase o libro Canibalismo, de Marcos Abalde, publicado por Estaleiro Editora. No acto, acompañando ao autor, participan Iria Sobrino e Roi Vidal. O texto obtivera o XI Premio de Teatro Josep Robrenyo convocado pola Associació d’Investigació i Experimentació Teatral (AIET), entre obras orixinais escritas en calquera das linguas oficiais do Estado.

Marica Campo gaña o VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

O VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2010, dotado con 1.200 euros e a publicación nos once medios de comunicación colaboradores, foi para o artigo «A procura do tesouro», da escritora lucense Marica Campo. O xurado tamén lle concedeu un accésit ao artigo «Por unha Galiza neofalante», de Marcos Abalde Covelo.

Ao certame presentáronse 39 traballos que, segundo o xurado, no seu conxunto «supoñen unha extraordinaria radiografía da visión sociolingüística do noso país».

Servizo de Normalización Lingüística
Concello de Carballo