Camiño de ida e volta, por Lara Rozados

DesdeLara Rozados a Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) Anagnórise (ἀναγνώρισις), di Aristóteles na Poética, significa recoñecemento. É o recurso narrativo polo que un personaxe descobre datos esenciais sobre a súa propia identidade ou a doutras persoas, ou da súa relación con elas, que lle permaneceran ocultos até o momento. Esta revelación cámbiao todo. Isto non vai ser unha crítica sisuda. Máis ben, o testemuño dun primeiro encontro co termo: foi na portada dun libro, dunha biblioteca de 6º de EXB (corría o 93). Era da colección “Árbore”, de Galaxia, e na ilustración da capa aparecía unha muller conducindo cun rapaz ao lado. Título, ilustración e autora (Mª Victoria Moreno, coñecida de 6 anos atrás, grazas a Pan con chocolate) chamaron por unha lectora de 11 anos, e aquela semana escolleu aquel libro para ler. Leváralle moi pouco tempo e impresionáraa moito. O que máis, que unha autora trazase aquela novela de argumento sólido, con intriga, acción, e lugar para o pensamento tamén, cos personaxes complexos e definidos, coa cuestión da identidade como tema central, cunha chea de subtemas abondo importantes, e que a publicase nunha colección para a xente nova (daquela, a franxa etaria de “Árbore” onde estaba Anagnórise era de 10 a 12 anos), considerando a quen daquela era preadolescente lectores e lectoras intelixentes e merecentes de respecto, e naquel galego impecable, amais. Á prepúber de 11 anos apaixonáraa aquela novela iniciática, que comeza cando un personaxe foxe e outro o axuda na súa escapada, e que por veces tornaba metaliteratura, cando condutora e copiloto se encerellaban nunha conversa sobre as concomitancias entre escribir unha novela e “escribir” a propia vida.
21 anos despois (ano 2015), a mesma lectora retoma Anagnórise. Esta novela narrada en primeira persoa comeza, despois dun breve prefacio que nos sitúa na reflexión final, polo principio da fuxida, cunha afirmación do adolescente Nicolau Arís: “As tías non saben conducir”. Inmediatamente despois vai ser rebatida. A misteriosa condutora que o traslada a Madrid, que nunca di o seu nome nin lle pregunta o del, racha cos tópicos que el tiña asumidos. É unha tía, conduce ben (por veces rápido de máis), fuma tabaco negro e fálalle de cousas serias, das que obrigan a se mirar por dentro e cuestionarse cousas. Algo que agradecen Nicolau e quen le (adolescente ou non). (…)”

Ánxela Lema: “A crítica na Galiza pon en lugar secundario a literatura feita por mulleres”

DesdeÁnxela Lema Sermos Galiza:
“Este 15 de agosto, María Victoria Moreno será a protagonista da segunda edición do Día das Galegas nas Letras, unha iniciativa do colectivo A Sega para visibilizar o papel das mulleres na literatura galega. Falamos con Ánxela Lema Paris, filóloga e coordenadora do noso vindeiro A Fondo, o último até setembro.
– Sermos Galiza (SG): Por que escollestes a María Victoria Moreno para o Día das Galegas nas Letras?
– Ánxela Lema Paris (ALP): Pois por que non? Na Sega é todo moi voluntario. Sempre nace todo de motivacións que cada unha temos. Xurdiu o nome de María Victoria Moreno como podería ter xurdido o de moitas outras mulleres. E dixémonos, por que non, con toda a contribución que fixo, sobre todo a unha literatura penalizada como é a infantil?
– SG: Dicídelo neste A Fondo: a escolla de María Victoria Moreno é a escolla dun xénero literario menosprazado, a literatura infantil e xuvenil, e dun xénero humano tamén menosprezado, as mulleres…
– ALP: Si, xusto. Ademais é moi atractiva á súa figura tendo en conta a súa orixe, toda a contribución que fixo á literatura galega sen ter nacido aquí. É algo que se invisibilizou moito. Quixémoslle dar un aire de ledicia e de festa á reivindicación da súa figura.
– SG: Por que cres que se invisibilizou?
– ALP: Entran en xogo varias funcións: o feito de ser literatura feita por unha muller e tamén o xénero escollido por ela, dirixido a un público menos académico ou institucional, do que nos medios quizais non se fala tanto, non tan prestixiado como outros xéneros literarios. Quizais por iso non ten o seu recoñecemento a súa figura como escritora como outras mulleres cuxo nome se coñece máis. (…)”