Vigo: hoxe María Xosé Queizán fala sobre Amor de tango

«O luns 12 de abril, ás 20.00 horas, a escritora María Xosé Queizán ditará unha conferencia no Salón de Actos da Escola Oficial de Idiomas de Vigo arredor de “Amor de tango e o Vigo da primeira metade do século XX”.

En Amor de tango María Xosé Queizán ofrece unha novela que reconstrúe o Vigo da república e da represión franquista a través dos recordos de Margot, unha das protagonistas. É a novela das mulleres que durante os esperanzados anos 20 e 30 foron rapazas activas, ilusionadas e decididas a descubrir o mundo. É a novela das traballadoras que espertaron á vida naquela urbe pioneira, atlántica e liberal que era o Vigo de preguerra. É a novela das obreiras das fábricas de sardiñas que están estreitamente ligadas están ao desenvolvemento industrial da cidade e da ría. É a novela dos trasatlánticos, das fábricas de salazón, do Cable Inglés, das grandes Navieiras, da emigración, do Berbés. Memoria viguesa, intimismo, historia miúda e persoal e retratos construídos desde un eficaz realismo constitúen os eixos sobre os que gravita este fermoso e inesquecible canto a Vigo e as mulleres que a poboaron.»

Edicións Xerais de Galicia

Vigo: presentación do libro Feministas galegas

O vindeiro mércores 17 de marzo presentarase en Vigo o libro Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha de Mónica Bar Cendón. O acto contará coa participación de María Xosé Queizán, Camino Noia, Manuel Bragado e Mónica Bar, e comezará ás 20,00 horas na Libraría Librouro (rúa Eduardo Iglesias, 12 de Vigo).

Entrevista a María Xosé Queizán: “Unha cousa é aprender idiomas e outra é perder o propio”

A idea lanzada desde instancias españolistas contra as outras linguas peninsulares, e esa falacia de que corría perigo o español, callou en mentalidades obtusas e conservadoras. De aí nace Galicia Bilingüe, que realmente aspira á Galicia monolingüe. Este brodio encontra un caldo de cultivo excelente no novo PP galego, que ten os ollos postos en Madrid. De non ser así, decataríanse que non pode existir unha Xunta de Galicia de non haber unha nación con estrutura e lingua propia. Como se pode dirixir unha Galicia trilingüe? Unha cousa é aprender idiomas e outra é perder o propio e equiparalo ao resto das linguas.

Entrevista de Manuel Vidal Villaverde a María Xosé Queizán. Ler entrevista completa en Galicia Hoxe.

A Coruña: xornadas Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos

Dentro das xornadas “Contra vento e marea. Verbas e pegadas dos feminismos”, organizadas pola Concellaría de Igualdade e Participación, hoxe venres 11 terán lugar dúas conferencias: ás 17 horas, Tendencias dos feminismos no século XX, por Rosa Cobo; e ás 19 horas, un relatorio sobre revistas feministas galegas: Festa da palabra silenciada (María Xosé Queizán) e Andaina (Nanina Santos). O acto celébrase no auditorio da Real Academia Galega (Tabernas, 11) e a entrada é libre.

Vigo: presentación do nº 24 de “Festa da palabra silenciada”

O grupo Feministas Independentes Galegas (FIGA) e a Concellería de Igualdade do Concello de Vigo organizan hoxe xoves 19 de febreiro a presentación do nº 24 de Festa da palabra silenciada, que leva por título O verbo patriarcal. Será no Salón de Actos da Escola de Artes e Oficios de Vigo, na rúa García Barbón, 5. No acto participarán as colaboradoras Olga Castro e Victoria Lojo e a directora da revista María Xosé Queizán, así como Laura López, Concelleira de Educación e Iolanda Veloso, Concelleira de Igualdade.

Vigo: presentación do libro Anti natura, de María Xosé Queizán

O venres 21 de novembro, ás 20:00 na sala de conferencias da Fundación Caixa Galicia (Policarpo Sanz, 15) terá lugar a presentación do libro Anti natura, de María Xosé Queizán. O acto, que contará coa participación de Carme Adán, Manuel Bragado e María Xosé Queizán, ofrecerá a intervención dos actores María Armesto e Xavier Picallo.