“O xurado da sexta edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico decidiu por unanimidade outorgar o galardón á obra Poema sinestésico para tres voces e un can, escrita por Eva F. Ferreira. O Premio da Audiencia foi para Intercom-baby, de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso. O xurado subliñou da obra premiada a “utilización de materiais non convencionais no narrativo, a intensidade dramática de obra a súa intención de levar a quen escoita a unha paisaxe sonora pouco habitual nunha peza radiofónica”. Destaca tamén “o discurso provocador no fondo e na forma, o risco na procura de novos camiños da creación para a radio, a intención lúdica do texto que suscita a curiosidade e o xogo emocional co oínte e o formato da obra cunha feitura que engasta a xeito de collage as diferentes linguaxes artísticas. Poema Sinestésico para tres voces e un can indaga na actitude de quen escoita, e lonxe de asentarse no previsible provoca unha emoción inesperada”. Os integrantes do xurado foron Evaristo Calvo, actor e director de teatro; Xosé Manuel Pacho Blanco, escritor, gañador da V edición; Camilo Franco, xornalista e crítico de teatro; Roberto Taboada, director artístico do Festival Alt de Vigo; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega; e Ana Romaní, directora do “Diario Cultural”. (…) Ademais das dúas obras gañadoras, as tamén finalistas Ironías, de Carlos Losada Galiñáns, e Quendas, de Zé Paredes, publicaranse nun libro-CD editado por Xerais.” Vía Diario Cultural.
Arquivos da etiqueta: Marián Bañobre
Pontevedra: presentación de as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó
O martes 5 de abril, ás 20:00 h., na Libraría Michelena (Rúa Michelena, 22) de Pontevedra, preséntase o libro de poesía as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó, publicado en Edicións Morgante. No acto terá lugar un recital audiovisual realizado por Sara Riobó con pinturas de Nuria Pahino dunha duración aproximada de vinte minutos, no que intervirán, ademais do propio autor, Marián Bañobre e Santiago Cortegoso.