“Fernando M. Cimadevila, co texto da contraportada da súa obra O mundo secreto de Basilius Hoffman: Un faro na escuridade, vén de gañar o I Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada. A acta do xurado é a seguinte:
“Reunido en Canido (Ferrol), o día 25 de abril de 2013, o xurado do I Premio Muíño do Vento de Textos de Contraportada, convocado pola Asociación Sociocultural Muíño do Vento, constituído por Sari Alabau Albors, Carmen Cuesta García, Candela Lobeiras Barro, Marisol Soto Prieto e Antonio Yáñez Casal, que actuou en calidade de secretario, con voz e sen voto, acordou outorgarlle o premio, por maioría, ao texto da contraportada da obra O mundo secreto de Basilius Hoffman: Un faro na escuridade, de Fernando M. Cimadevila.
O premio recollerao o autor o próximo día 4 de maio, nun acto músico-festivo que terá lugar na praza do Cruceiro de Canido.”
Transcrición do texto gañador:
“Existe un lugar perdido no profundo da noite, unha cidade secreta sen casas nin edificios, só tellados, azoteas, faiados e chemineas, bufardas, campanarios, torreóns… A Cidade dos Tellados non ten rúas, só pontes e pasarelas, tubaxes e escaleiras que sortean o nebuloso mundo que existe baixo a súa superficie. Un segredo, tan antigo como o propio mundo, ocúltase tras este labirinto insondábel, pero para descubrilo, o profesor Basilius Hoffman e o seu sobriño Peter deberán enfrontarse á máis profunda escuridade, aquela que habita no noso interior.”