Arquivos da etiqueta: Mauro Trastoy
Miriam Ferradáns: “En Agosto quixen tensar as palabras, a escrita e a min mesma ata o límite”
Entrevista de Montse Dopico a Miriam Ferradáns en Praza:
“A dor da perda situábase no centro de Nomes de fume, o anterior poemario de Miriam Ferradáns. E volve facelo na súa nova obra publicada, a plaquette Agosto (Apiario). Unha pequena alfaia feita a dúas mans: o deseño de Mauro Trastoy e os versos de Miriam Ferradáns. Nada sobra, nin falta, neste monllo de poemas feitos coa palabra xusta. Mais, se en Nomes de fume había unha imposición social que tentaba obrigar a esquecer a ausencia –ata o punto de non mencionar a persoa que xa non estaba– en Agosto a dor faise carne. Corpo ferido. Flor murcha. Angustia, desorientación e silencio. Ata a aceptación da morte. E a volta, malia todo, da beleza.
– Praza (P): A obra é unha plaquette feita con Mauro Trastoy (o deseño é del). Foi proposta de Apiario o formato e o deseñador?
– Miriam Ferradáns (MF): Foi unha proposta de Apiario. Ata o último momento non coñecín o deseño, si ao deseñador, pero vin a plaquette pouco antes que os lectores. Gustoume moito, síntome moi identificada con el. É fantástico sentir que te entenderon tan ben.
– P: O libro nace da perda dun ser querido: unha amiga. Tamén Nomes de fume nacera da perda. En Nomes de fume a memoria da persoa que xa non estaba ía perdendo cor, debilitándose. En Agosto hai flores que van marchitando. Que son as flores en Agosto? Que teñen que ver coas fases da dor da perda?
– MF: As flores, por un lado, xeran na voz poética a reflexión sobre a morte, obrígana a lembrar, violéntana. Neste aspecto establécese unha comparación entre unha flor cortada e un cadáver, as fases polas que pasan ata ser po. Por outro lado acompáñana na decadencia, prodúcese unha mímese entre a flor e a voz poética, as fases do abandono son compartidas, a perda de vigor, a alegría. (…)”
Compostela: No lugar do lugar, con Estevo Creus e Pablo Seoane
O venres 6 de marzo, ás 21:30 horas, na Casa das Crechas (Vía Sacra, 3), en Santiago de Compostela, terá lugar un espectáculo-acción de improvisación músico-poética en formato de site specific. Nel conxúgase a palabra, a música e o corpo como elementos en constante diálogo co entorno físico onde se desenvolve, configurándose en evento unitario e único na súa realización. Nunca repetible. Participan Estevo Creus e Pablo Seoane, contando tamén coa intervención das lámpadas de Mauro Trastoy. O prezo é de 3 euros.