Medalla Castelao para Ledicia Costas, Siniestro Total, Susana Rodríguez, Lino de Prado e Rafael López

Desde Nós Diario:
“A escritora Ledicia Costas e a banda Siniestro Total xunto coa deportista Susana Rodríguez Gacio, o empresario Lino de Prado e o oncólogo Rafael López, recibiron as Medallas Castelao de mans do presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, nunha cerimonia que tivo lugar en San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.
Á entrega, presidida polo líder da Administración autonómica, asistiron os restantes membros do Goberno galego, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o delegado do Goberno, Pedro Blanco; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o presidente da RAG, Víctor Freixanes; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, entre outras autoridades.
A escritora Ledicia Costas foi a primeira en recibir o galardón, “unha verdadeira honra”, dixo, ao ser un recoñecemento “tan cheo de significado”.
Costas recoñeceuse como neofalante e parte dunha das primeiras xeracións escolarizada en galego, que “abrazou” o idioma a través da literatura infantil e xuvenil. “Que valioso é transmitir o idioma e que cousa tan fermosa recibilo así, a través das historias”, comentou. “A lingua galega é o corazón deste país e eu, igual que moitas persoas, facémolo bombear”, defendeu. (…)”

Camilo Nogueira, Medalla Castelao 2022

Desde Nós Diario:
“O intelectual e político nacionalista Camilo Nogueira, o chef Javier Oleiros e o xornalista Javier Sánchez de Dios serán galardoados coa Medalla Castelao 2022 este 28 de xuño.
Ademais, súmanse o club de fútbol sala Pescados Rubén, nomeado mellor equipo do mundo e campión de Europa; así como a coral coruñesa O Eco, fundada por Pascual Veiga.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a traxectoria de todas as persoas e entidades premiadas.
Camilo Nogueira Román, nado en Lavadores o 22 de novembro de 1936 e fillo do escultor Camilo Nogueira Martínez, estudou na Escola Industrial de Vigo antes pasar polas escolas de Enxeñeiros Indusriais de Bilbo e Madrid.
Tamén cursou a licenciatura de Ciencias Económicas na Universidade de Santiago de Compostela (USC), da que pasou posteriormente á fábrica de Citröen en Vigo, onde comezou a traballar en 1964. Oito anos despois, en 1972, participou de forma activa nas folgas obreiras da Galiza, polas que acabou en prisión.
A nivel político, Nogueira formou parte de Galiza Socialista, que se acabaría fusionando coa Unión do Povo Galego (UPG) en 1971. Tamén participou na fundación da Asemblea Nacional Popular Galega, impulsada pola UPG, e no Bloque Nacionalista Galego, do que foi eurodiputado entre 1999 e 2004.
Previamente foi deputado no Parlamento galego con Esquerda Galega (EG), formación que liderou e que acabaría fusionándose primeiro co Partido Socialista Galego (PSG) e posteriormente co BNG. En total, Nogueira ocupou escano na Cámara galega de 1981 a 1993, e posteriormente (xa no Bloque) entre 1997 e 1999, antes de marchar a Bruxelas.
Ademais do seu traballo político como deputado, Camilo Nogueira está considerado como un dos pais ideolóxicos do nacionalismo galego, e é autor de numerosas teses e ensaios sobre o tema.”

Xusto Beramendi, Medalla Castelao 2017

Desde Sermos Galiza:
“O Consello da Xunta aprobou a concesión destes recoñecementos, que se entregarán o vindeiro 28 de xuño, a Xosé Ramón Gayoso, Cristina Pato, o Oceanográfico de Vigo, o Grupo Nove e Xusto Beramendi, quen consagrou a súa vida académica ao estudo das ideoloxías e o nacionalismo, de feito, entre as súas obras figuran estudos sobre as figuras de Vicente Risco, Manuel Murguía ou Alfredo Brañas, ademais do monumental ensaio De provincia a nación: Historia do galeguismo político. Este último valeulle o Premio Nacional de Ensaio 2008. Actualmente preside a xunta rectora do Museo do Pobo Galego do que foi cofundador. Ademais, é membro fundador da Fundación Castelao e director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco. (…)”