O xoves 15 de setembro, ás 19:00 horas, no salón de actos da Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII), de Santiago, terá lugar a proxección do documental Neira Vilas. Memorias dun neno labrego, dirixido por Ismael González Díaz, coincidindo coa exposición Querido Balbino, inaugurada o día 2 de setembro.
Arquivos da etiqueta: Memorias dun neno labrego
Xosé Neira Vilas lembra como chegou a Compostela como un Balbino máis
“A exposición Querido Balbino 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego foi inaugurada este venres [2 de setembro] na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, e na súa apertura estivo presente o escritor Xosé Neira Vilas, “pai literario” de Balbino, un personaxe cualificado como “o Harry Potter galego” pola universalidade que alcanzou durante os 50 anos de vida do libro. Durante o acto de presentación, o escritor pontevedrés ha resaltado o especial valor de que a mostra chegue á “primeira cidade” que visitou na súa infancia, cando era “un Balbino máis”. Segundo relatou, nela puido ver por primeira vez “casas altas e pegadas”, tras percorrer os 25 quilómetros que a separaban da súa aldea natal, “toda unha aventura naquela época”, asegurou. Así, cualificou de “emotivo” o seu regreso “da man dun neno de papel chamado Balbino, que a pesar da notoriedade alcanzada, continúa coa mesma humildade, afán por saber e rebeldía” que mostraba hai 50 anos baixo a pluma do escritor que, por aquel tempo, residía na cidade arxentina de Buenos Aires. No acto tamén estiveron presentes os responsables e colaboradores desta iniciativa, entre eles, o director xeral da Editorial Galaxia, “amigo e editor” do literato, Víctor Freixanes, quen lembrou que a novela é ben acollida aínda hoxe por nenos e adolescentes, aínda cando a literatura galega vive “acomodada a unha franxa de idade que rolda os 50 anos”. Ademais, sinalou que Neira Vilas é un “activista dos libros e da lingua”, e neste sentido apuntou que, despois de vender uns 700.000 exemplares da súa novela insigne, o autor de Vila de Cruces continúa coa súa produción literaria, e que dentro de poucos meses sumará unha nova publicación inédita á súa obra. (…)” Vía Xornal.
A Coruña: maratón de lectura e charla de Xosé Neira Vilas
O venres 6 de maio, no local da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar un Maratón de lectura en conmemoración do 50 aniversario da publicación do libro Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, entre as 17:00 e as 20:00 h. Posteriormente, o autor dará unha charla sobre a súa actividade literaria.
A Coruña: inauguración da exposición Querido Balbino, arredor de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas
O venres 1 de abril, ás 11:00 h., na Biblioteca González Garcés da Coruña, Gálix entregará ao escritor Xosé Neira Vilas o título que o acredita como Socio de Honra da asociación. Os actos da entrega, nos que participará o autor de Gres, están enmarcados na inauguración dunha mostra de cubertas arredor das distintas edicións en diferentes linguas de Memorias dun neno labrego, Querido Balbino, organizada pola Dirección Xeral do Libro. Co gallo do nomeamento, Gálix editou un libro, en colaboración coa Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, titulado Cartas a Balbino que se repartirá de balde durante o acto. Crónica posterior en Galicia Hoxe.
Santiago: Memoria das Memorias dun neno labrego, de Cándido Pazó, coa presenza de Xosé Neira Vilas
O 28 de xaneiro, a partir das 20:30 h., no Salón Teatro de Santiago, estréase o espectáculo de Cándido Pazó Memoria das Memorias dun neno labrego, sobre a obra de Xosé Neira Vilas, quen subirá ao estrado para recibir a merecida e calurosa homenaxe do público.
Santiago: presentación da nova edición de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas
O mércores 26 de xaneiro, ás 20:00 h., no Centro Social Novacaixagalicia (Praza de Cervantes, 17) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación da nova edición de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, acto co que o Concello da cidade e a Editorial Galaxia conmemoran o 50 aniversario da publicación desta obra. No acto participan Guadalupe Rodríguez Silva, Víctor F. Freixanes e o propio autor, contando tamén coa presenza do actor e director Cándido Pazó, quen fará un breve apuntamento escénico sobre o seu espectáculo baseado no libro, que se estreará no Salón Teatro de Santiago o 28 de xaneiro ás 20:30 h., onde permanecerá durante tres días. Aquí se pode descargar a presentación do espectáculo: Dossier Memoria das Memorias dun neno labrego. Crónica posterior en Galicia Hoxe e La Voz de Galicia.
Xosé Neira Vilas: “O éxito é misterio”
A Estrada: conmemoración dos 50 anos de publicación de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas
O mércores 5 de xaneiro, a partir das 11:00 h., no Museo da Madeira e do Moble da Estrada, terá lugar o acto de conmemoración dos 50 anos da publicación de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, en Buenos Aires, que contará coa participación do propio autor, de representantes da editorial Galaxia e da Xunta de Galicia, e de persoeiros do mundo das letras e da cultura de Galicia. Nova recollida tamén en Galicia Hoxe e Galiciaé. Crónica posterior en Xornal, Galicia Hoxe e La Opinión.
Especial sobre Memorias dun neno labrego en El País: “Coma quen dis, un ninguén”
Escritores de varias xeracións explican como leron Memorias dun neno labrego: (Luces-El País, e artigo de Daniel Salgado)