Entrevista de Martiño Maseda a Andrea Fernández Maneiro, desde Culturalia GZ (foto da autora: José Cuervo):
“(…) – Culturalia GZ (C): O primeiro poema de Meridiano Orixe, obra gañadora na 50ª edición do Certame de Poesía do Concello de Vilalba, di: Son gaivota.// Dende terra,/ illa e faro nárranme/ historias de monstros mariños. Como observa a Andrea carrilexa e poeta esas historias que a diario acontecen no mar ou fóra del, cheas de monstros que trafican coa vida humana ou que violentan a súa existencia?
– Andrea Fernández Maneiro (AFM): Co mesmo horror que se saíra do mar o mesmo Cthulhu tentando converternos en seres apeghados ás riquezas e á inmortalidade, á que nunca chegaremos afortunadamente.
Hai tantos lughares e mares cheos de cadaleitos de auga e area, dos que non se contan nos informativos porque quedan lonxe, e como non nos afectan directamente carecen de “importancia”. Loxicamente é inviable contalo todo, teriamos telexornais infinitos de desgrazas pero, a min, chégame o runrún e dóeme. Hai xa anos que procuro eludir o ler as novas, mais non podo evitar que me cheghen os estoupidos das bombas de Palestina, de Ucraína ou Iemén. Teño un oído sensible.
Os mares son lughares de traxedias e o peor de todo é que nós afacémonos a vélas, semella que estamos inmunizados e iso para min é case máis agresivo e violento.
– C: Na túa biografía da AELG dise que a túa vocación e profesión é locutora de radio. Mais a Andrea poeta ou escritora tamén ocupará un rol moi importante, non?
– AFM: Claro, todo é importante, pero relativicemos, non é tan relevante o que facemos senón se aquilo que facemos serve de algo, cousa que por outra parte eu descoñezo.
Polo tanto, a min todo o que fago sérveme para superar as frustracións de cotío e empatizar co mundo que me rodea.
– C: Sentes paixón por viaxar, e boa mostra diso é a constatación gráfica que traes de cada lugar que visitas, de cada emoción nacida nesas estadías exteriores. Entenderías (entenderíase) a túa esencia sen esa chamada viaxeira?
– AFM: Por suposto que non, eu son das que penso que viaxar (non viaxes organizadas) é importante se tes a intención de aprender algo, se conservas a capacidade de asombro e a curiosidade por outras culturas, pero sobre todo polas persoas, isto é o que me move; consegue que vaia perdendo prexuízos, que entenda (aínda que non comparta) outros xeitos de vivir, que, en moitas ocasións, me indigne (cousa ben sinxela para min) pero, por riba de todo , viaxar é o escravo que suxeita a coroa de loureiro sobre a cabeza do César, e que lle bisba na orella: “Memento mori”, para que non esqueza a súa irrelevancia. Se o pensamos ben somos irrelevantes no Universo.
– C: Xunguido ao anterior e desmitificando ese concepto de morriña, que semella apegado á natureza galega, nalgunha desas viaxes ficarías no lugar visitado esquecendo o anhelo de retorno?
– AFM: Ás veces penso que si pero, realmente, non. Eu preciso da miña terra, preciso do meu mar, da miña xente, preciso do Nilo, preciso do Corno de Ouro, preciso de Gelidonya… Todo o mundo é a miña casa pero son eminentemente Atlántica, como son “afoghacristos” e non podo reneghar da nosa costa.
Aínda lembro cando volvía á casa dende Santiagho e ao cheghar a Carril dende o tren “ollaba Cortegada deitada no mar”. Teño chorado máis dunha vez da emoción. (…)”
Arquivos da etiqueta: Meridiano Orixe – A raposa que anda aos grilhos
Andrea Fernández Maneiro gaña do 50º Certame Literario do Concello de Vilalba
“Andrea Fernández Maneiro gaña a 50 Edición do Certame Literario do Concello de Vilalba con Meridiano Orixe – A raposa que anda aos grilhos.
Baixo a presidencia da Concelleira de Cultura Tamara Rodríguez e actuando como Secretaria a Técnica de Cultura Sonia García Paredes, o xurado formárono a escritora vilalbesa Cecilia Fernández Santomé; Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia, Xulio Xiz, xornalista; e Fidel Fernán, director do grupo de Radio Principal.”
(Autor da foto: José Cuervo).