Desde o Diario de Arousa:
“O escritor Domingo Tabuyo recibirá este ano o Premio Ramón Cabanillas outorgado polas librarías de Cambados e o Concello.
O tamén profesor, que se xubilou o ano pasado, ten un extenso currículum e é autor de numerosas obras de poesía e narración, pero ademais é colaborador de diferentes medios como Diario de Arousa.
A organización pensou nel sobre todo polo seu labor para enxalzar a figura do “poeta da raza”. De feito, destacan que cando era concelleiro da Corporación municipal presentou unha moción para declarar o 9 de novembro como Día Cabanillas en Cambados e outra para crear o premio de poesía, sendo aprobadas.
Ademais escribiu artigos sobre o autor, foi membro da comisión organizadora do Ano Cabanillas de 2009 e coordinador das xornadas “Ramón Cabanillas e a Modernidade na poesía galega”, entre outras cousas.
A entrega do premio terá lugar o vindeiro 3 de xuño, na que xa é a súa XIX edición”
Arquivos da etiqueta: Diario de Arousa
A vilagarciá Andrea Fernández Maneiro gaña a cuarta edición do premio Eduardo Pondal de poesía
Desde o Diario de Arousa:
“A poeta vilagarciá Andrea Fernández Maneiro segue a sumar galardóns e recoñecementos. Medulia Editorial aproveitou a conmemoración do Día das Letras Galegas para facer público o fallo da cuarta edición do premio Eduardo Pondal de poesía. A obra galardoada é o libro Voto de silencio, no que a autora debulla as diferentes vivencias que se experimentan durante o proceso educativo nun colexio de monxas. Non é –como aclara a propia poeta– un poema que bebe unicamente de vivencias persoais, senón que a obra conta tamén cunha parte fabulada. A educación sesgadas, o feito de que as nenas fosen dirixidas cara unha determinada aprendizaxe ou a propia vivencia dentro da escola son algúns dos temas que se tratan no poemario Voto de silencio.
O xurado do premio promovido por Medulia Editorial coincidiu por unanimidade en darlle o máximo galardón ao poemario de Andrea Fernández, presentado baixo o título de “A xoaniña na eira de pampullos”. (…)”
Henrique Dacosta gaña o XXV Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey
Desde o Diario de Arousa:
“O ferrolán Henrique Dacosta López gaño a XXV edición do prestixioso premio Manuel Lueiro Rey, que convoca o Concello do Grove. Baixo o título Illas a Sotavento e o lema “A mare usque ad mare” (de mar a mar), Dacosta presentouse ao certame, decidindo o xurado proclamar como gañadora esta obra. (…)
A deliberación tivo lugar o 9 de decembro. O xurado estivo composto por Manuel Bragado, Armando Requeixo, Ánxela Gracián, Mario Regueira e o gañador da edición anterior, Diego Alfonsín. A decisión tomouse por maioría do xurado. (…)”
Xabier P. DoCampo: “A lectura serve para aprender a poñerlle nome aos sentimentos”
Entrevista a Xabier P. DoCampo en Diario de Ferrol e Diario de Arousa, a través de Xerais:
“- Pregunta (P): Leva moitos anos escribindo literatura, sobre todo infantil e xuvenil. Como ve agora este xénero?
– Xabier P. DoCampo (XD): Daquela, anos 70 e 80, a literatura infantil e xuvenil (LIX) era unha necesidade educativa. Hoxe cambiou moito, non só polas mudanzas políticas, senón tamén polas que se produciron no eido industrial e comercial. Hoxendía existe xa un número alto de editoras publicando exclusivamente LIX en galego. Esta, e a literatura galega en xeral, desde os anos 70 para acó é unha literatura absolutamente incomparable. Non hai outra do noso entorno tan vizosa e de tanta calidade como a galega. Agora hai, loxicamente, moitos máis autores. Lembro unha vez oírlle a un persoeiro de gran relevancia na cultura galega dicir cun libro na man que unha literatura é adulta e está xa totalmente consolidada cando era capaz de ter libros tan malos coma ese que levaba. A calidade continúa e increméntase, pero na abundancia existen máis posibilidades de que se atope unha obra de menor calidade. É que houbo un momento en que todas as obras que se escribiron en Galicia de literatura infantil e xuvenil eran verdadeiramente sobranceiras. (…)
– P: O poder político está á altura das circunstancias?
– XD: Os responsables políticos sempre van arrastrados polas circunstancias. Sempre. Se algún di outra cousa é porque ten unha visión interesada do asunto. Eu non nego as circunstancias económicas, que son as que son, pero hai que ter en conta unha cousa: o sector do libro tiña que estar especialmente protexido, o sector da creación en xeral, desde o punto de vista económico, xa non digo desde o punto de vista de facer país. Se se escacharraron determinados sectores económicos, penso que aqueloutros que están fortes e van ben han de reforzarse e promocionarse. Claro, aquí aparece outra cousa: o sector da cultura galega está loxicamente ligado á lingua galega, e cando o que se quere é desterrar do corazón dos galegos a lingua galega, evidentemente aí cae arrastrado todo o sector da cultura. Non hai máis que ver como chegaron determinadas persoas facendo cantos a cousas estrañas como a literatura en castelán de escritores nacidos en Galicia.”