A Rede Galega de Teatros e Auditorios acolle na Estrada a estrea do espectáculo da compañía Talía A primeira vez

Desde Agadic:
“O Teatro Principal da Estrada acolle o vindeiro venres 29 de marzo ás 21:00 h. a estrea do espectáculo A primeira vez, a cargo da compañía Talía Teatro. A función está programada no marco da carteleira da Rede Galega de Teatros Auditorios (RGTA), impulsada anualmente pola Xunta de Galicia en 40 espazos escénicos galegos e en colaboración cos concellos respectivos. En A primeira vez, Artur Trillo dirixe e versiona ao galego un texto do autor polaco contemporáneo Michal Walczak, un dos expoñentes da nova escena europea.
Na peza abórdanse as relacións de parella e a incomprensión desde unha perspectiva traxicómica que reflicte as tensións humanas, con crueldade pero tamén con sentido do humor.
Na interpretación están María Ordóñez e Toño Casais, habituais de Talía Teatro, que hoxe acompañaron a Artur Trillo, a Juan M. Constenla, concelleiro de Cultura da Estrada, e a Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), na rolda de prensa de presentación da montaxe, unha proposta á que os seus artífices se refiren como “drama disfrazado de comedia”. (…)”