O vindeiro domingo 5 de abril o escritor Modesto Fraga presenta en Fisterra a reedición do libro de poemas Mar de ausencias, editado por Follas Novas Edicións na súa colección Libros da Frouma. O acto terá lugar a bordo do barco turístico “María Elena”, propiedade de Oliver Moure Santos, unha embarcación de recreo con capacidade para 73 persoas e que realiza diversas rotas turísticas pola costa fisterrá. Durante o traxecto (que cubrirá o itinerario literario-xeográfico polo que transcorren os poemas: “As Lobeiras”, “Langosteira”, “Mar de Fóra”, “O Centolo”, “Arnela”, etc) darase lectura a algúns dos textos do poemario e, posteriormente, celebrarase un acto de lembranza aos mariñeiros afogados na costa fisterrá. Está previsto que participen no acto familiares das vítimas dos pesqueiros “Bonito” (afundido no “Cabo da Nave” en 1960), “Begoña” (nos “Siriales do “Berrón”, en 1976) e “Isleña” (tamén na década dos anos 70). O acto dará comezo ás cinco da tarde e terá unha duración aproximada de unha hora e media. As persoas interesadas en participar no acto deben confirmar a túa presenza antes do venres día 3 neste correo electrónico.
Arquivos da etiqueta: Modesto Fraga
Presentación en Fisterra da nova colección de poesía “Edoy Leliadoura”
A Taberna Ultreia e Sotelo Blanco Edicións presentarán os libros da nova colección de poesía Edoy Leliadoura:
- Derrotas con raíces, de Modesto Fraga;
- Memoria de Ahab, de Rafa Villar;
- Os poemas de como se rompe todo, de Daniel Salgado.
Será o 30 de novembro ás 20:00 horas na Taberna Ultreia (Rúa Santa Catalina, 28) de Fisterra. Intervirán Modesto Fraga, Rafa Villar e Daniel Salgado.
Homenaxe a Cipriano Fernández en Fisterra
O venres 30 foron inauguradas en Fisterra as Xornadas de homenaxe ao republicano Cipriano Fernández, alcalde da vila fusilado polo réxime franquista. Con sesións tamén no 2 e no 4 de abril, a homenaxe contará coa presenza dos escritores Xesús Alonso Montero, Xosé Luis Axeitos, Modesto Fraga, Miro Villar, Marcos Valcárcel e Yolanda López, entre outras persoas da cultura e da política.