Desde Sermos Galiza:
“Estaba Valcarce, o combativo crego das Encrobas, organizador de labregos e traballadores. Estaba Valcarce, o político nacionalista e de esquerda. Estaba Valcarce, orador inflamado. E logo estaba Valcarce o amigo. A esta última vertente dedican 16 artigos outras tantas autoras do libro Moncho Valcarce, un dos inesquecibles.
A obra, publicada pola Deputación da Coruña e pola Irmandade Moncho Valcarce, preséntase na Coruña esta sexta feira, 15 de febreiro, ás 20.00 horas en Portas Ártabras. Tres dos contribuíntes ao volume falarán tamén no acto: Pilar García Negro, Felipe Senén e Xácome Santos. Tamén participará Xosé Ramón Cendán. Santos, secretario da Irmandade Moncho Valcarce, explica os propósitos da obra: “Sen esquecer obviamente a parte política, queremos lembrar esa dimensión máis humana e persoal de Moncho”. Que naceu na Coruña en 1935 e morreu na mesma cidade en 1993.
“É unha achega máis no camiño de dar visibilidade a unha das persoas que tivo máis importancia e repercusión nos conflitos dos anos 70 e 80”, indica unha nota da organización da presentación na Coruña, “e contribuíu á concienciación e sensibilización da nosa sociedade nos últimos anos da ditadura e primeiros da democracia”.
Amais dos citados, colaboran en Moncho Valcarce, un dos inesquecibles Afonso Eiré, Mero Iglesias, Domingo Martínez Beiro, Emilio López “Milucho”, Gumersindo Campaña Ferro, Helena Veiguela, Manuel Pazos, Margarita Ledo, Rubén Aramburu, Erminia Estoa, Victorino Pérez Prieto, Xosé Elías Ramil e Xulio Sacristán, O libro está dedicado, ademais, á memoria do recentemente falecido Ramón Muñiz.”