Desde Nós Diario:
“Mediante un convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Euseino?, a investigadora Nerea Campos Avendaño realizou a dixitalización e catalogación do Fondo Anxos Sumai como prácticas académicas externas do Mestrado de Estudos da Literatura e da Cultura. Un fondo composto por catro cadernos manuscritos dos anos 1982, 1984-1985 e 1986, xunto cun amplo conxunto de relatos (publicados e inéditos), apuntamentos para novelas e anotacións das décadas de 1980, 1990 e 2000. Un total de 45 fichas catalográficas que dan acceso ao proceso de escritura da obra da autora. Como primeira mostra deste fondo, acábase de publicar o álbum ilustrado A nena de xeo.
O Fondo Anxos Sumai abre unha porta privilexiada ao proceso creativo da autora. Grazas ao traballo de catalogación e dixitalización concluído recentemente, as persoas lectoras, investigadoras e interesadas na intrahistoria da escritura da súa obra poden explorar este conxunto documental con total facilidade.
Para acceder aos orixinais da autora de A lúa da colleita, pódense consultar as fichas catalográficas nas que están recollidas as fontes documentais a través dunha sinxela solicitude de consulta. (…)”