Nerea. O príncipe da sorte, de Pablo Prado e Miguel Rojo, gaña o II Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético

Desde Nós Diario:
Nerea. O príncipe da sorte, con guión de Miguel Rojo e debuxos de Pablo Prado, resultou gañadora do II Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, que publicará Xerais na próxima primavera. O xurado, composto por Miguel Porto, Fernando Iglesias (Kohell) e Kiko da Silva, por parte do Garaxe Hermético, e Anaír Rodríguez e Fran Alonso, en representación de Xerais, salientou a atractiva proposta gráfica da obra a cabalo entre a liña clara franco belga mesturada coa estética cartoon dos actuais debuxos animados.
Así mesmo, destaca o ritmo narrativo da historia e unha composición de páxina dinámica e atractiva.
Nerea, o príncipe da sorte é unha historia de aventuras con doses de humor que conta a historia dunha nena que cae nunha poza e a partir de aí desenvolvese unha historia divertida centrada na prevención da saúde.
Pablo Prado, o debuxante, recibiu o Premio de Fin de Curso do Garaxe Hermético por O derradeiro libro de Emma Olsen, que adapta a BD a novela homónima de Berta Dávila e debuxou Os berros da motocicleta, con guión de Kiko da Silva, que conta a vida da represaliada Josefina Arruti Viaño e foi publicada polo Concello de Pontevedra.
Miguel Rojo, o guionista, exalumno da segunda promoción do Curso Profesional de sábados é colaborador da revista A viñeta de Schrödinger e acaba de rematar a súa primeira novela gráfica que sairá publicada por Retranca a finais de ano.
Esta obra foi creada durante o Confinamento pola pandemia do Covid-19.”