No marco da VIII Xornada da Sección de Literatura Dramática. VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2023: Galiza + Portugal. A descentralización das artes escénicas, organizada pola Sección de Literatura Dramática da AELG, co apoio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña, CEDRO e o Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo, tivo lugar o VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2023: Galiza + Portugal, que intentou servir como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, estivesen a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os palcos. Nesta quinta edición do festival acolléronse 7 proxectos (galegos e portugueses), que foron amosados e compartidos en público.
Desa selección, logo das presentacións no VI Festival, un comité, formado por Afonso Becerra, Vogal de Literatura Dramática da AELG, o director do Teatro Rosalía Castro da Coruña, Xosé Paulo Rodríguez, o director do Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima, Luís Miguel Franco da Silva, e Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo, e contando cos votos das/os creadoras/es participantes, seleccionaron propostas para ofrecerlles a posibilidade de ser estreada. O xurado tamén podería decidir deixar o premio deserto se os proxectos (re)presentados non reunisen as características e condicións necesarias.
Finalmente, esta foi a resolución:
– Proposta escollida para ser representada no Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima durante 2024 ou 2025: VIDA ÚTIL DA PORCELANA, de Samuel Merino e Silvia Penas.
– Proposta escollida para ser representada no Forum Metropolitano da Coruña durante 2024 ou 2025: NESTE MOMENTO, de Alexandre Sá.