A Coruña: presentación do segundo volume da toponimia de Nicandro Ares na Real Academia Galega

Desde a Real Academia Galega:
“O segundo volume da toponimia de Nicandro Ares, compilada e indexada por Antón Santamarina, completa a publicación da totalidade dos estudos toponímicos de Nicandro Ares por parte da Real Academia Galega.
O presidente da Academia, Alonso Montero, despois de escusar a ausencia do autor dos textos, Nicandro Ares Vázquez, debido á súa avanzada idade, salientou a importancia da publicación desta obra que recolle todos os escritos sobre toponimia dun dos grandes eruditos nesta materia no noso país.
Pola súa parte, o coordinador do Seminario de Toponimia, Ramón Lorenzo, destacou o gran labor de edición feito por Antón Santamarina, autor tamén dun exhaustivo índice de temas de grande utilidade para o lector.
Antón Santamarina, membro de número da Academia e editor da obra, comezou a súa intervención debuxando unha breve biografía de Nicandro Ares. Nado en Santa Eulalia de Bóveda, na súa mocidade ingresou no Seminario de Lugo onde foi alumno do arqueólogo Francisco Vázquez Saco, quen o introduciría no estudo desta especialidade e da epigrafía. Xa a partir de 1964, Nicandro Ares encamiña o seu interese cara á ciencia toponímica que, tal e como lembrou o profesor Santamarina, se basea na dilucidación da orixe dos nomes de lugar atendendo a dous principios: o respecto ás leis da evolución fonética das palabras e á súa congruencia semántica. “No caso daqueles termos escuros aínda a partir destes dous principios, hai que botar man dos textos antigos para procurar a súa orixe, e aquí é onde Nicandro Ares amosa un grande olfacto á hora de pescudala remexendo nunha gran cantidade de documentación”, apuntou Antón Santamarina.
Coa saída deste segundo volume de Estudos de toponimia galega de Nicandro Ares Vázquez, a Academia completa a edición dos 178 artigos sobre toponimia deste autor, publicados en diversos medios entre 1964 e 2011, e centrados sobre todo na casuística da provincia de Lugo.”