Desde Erregueté:
“O Festival de Teatro Galego do Carballiño rematou onte coa entrega de premios outorgados polo xurado, composto este ano por Víctor Duplá, María Vázquez e Morris, nunha gala presentada por Laura Villaverde.
A Panadaría recibiu o Premio ao Mellor Espectáculo por Elisa e Marcela, unha obra que acumula galardóns dende a súa estrea. As compoñentes de A Panadaría –Areta Bolado, Noelia Castro, Ailén Kendelman– recibiron tamén, ex aequo o Premio á Mellor Interpretación polo seu traballo neste espectáculo.
Ademais, A vida tola, de Pajarito, recibiu o Premio ao Mellor Espectáculo de Rúa. Natalia Outeiro “Pajarito” é unha actriz, pallasa e directora galega con máis de 10 anos de experiencia sobre os escenarios, e unha ducia de espectáculos ás súas costas vinculados ás artes do Circo.
Como estaba previsto, o Premio de Honra Dorotea Bárcena foille entregado a Marta Pazos, directora de escena, actriz e escenógrafa da compañía Voadora, coa cal leva colleitados numerosos premios que a converten nunha das directoras máis recoñecidas nestes momentos.”