Elisa e Marcela, mellor espectáculo do FETEGA do Carballiño

Desde Erregueté:
“O Festival de Teatro Galego do Carballiño rematou onte coa entrega de premios outorgados polo xurado, composto este ano por Víctor Duplá, María Vázquez e Morris, nunha gala presentada por Laura Villaverde.
A Panadaría recibiu o Premio ao Mellor Espectáculo por Elisa e Marcela, unha obra que acumula galardóns dende a súa estrea. As compoñentes de A Panadaría –Areta Bolado, Noelia Castro, Ailén Kendelman– recibiron tamén, ex aequo o Premio á Mellor Interpretación polo seu traballo neste espectáculo.
Ademais, A vida tola, de Pajarito, recibiu o Premio ao Mellor Espectáculo de Rúa. Natalia Outeiro “Pajarito” é unha actriz, pallasa e directora galega con máis de 10 anos de experiencia sobre os escenarios, e unha ducia de espectáculos ás súas costas vinculados ás artes do Circo.
Como estaba previsto, o Premio de Honra Dorotea Bárcena foille entregado a Marta Pazos, directora de escena, actriz e escenógrafa da compañía Voadora, coa cal leva colleitados numerosos premios que a converten nunha das directoras máis recoñecidas nestes momentos.”

O Carballiño: obradoiro “Novas linguaxes escénicas”, con Avelina Pérez, os 28 e 29 de outubro

O sábado 28 e domingo 29 de outubro, na Casa da Cultura do Carballiño, no marco do Fetega, terá lugar unha masterclass, Novas linguaxes escénicas, impartida por Avelina Pérez, que ten como obxectivo, dun xeito lúdico e desde a práctica, experimentar posibilidades que nos permitan achegarnos a novas linguaxes.
A inscrición pode facerse aquí.