Fene: presentación de Avoaescola Ferrolterra

O mércores 8 de maio, ás 19:30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Museo do Humor) de Fene, Galiza co Galego presenta a Avoaescola de Ferrolterra.
Trátase dun espazo educativo en galego dedicado, nun primeiro momento, a nenos e nenas até os 6 anos. Iníciase coa finalidade de se transformar nunha escola infantil.
Avoaescola Ferrolterra realizará todas as accións, actividades lúdicas e educativas en lingua galega, co fin de que nenas e nenos acaden o seu uso nas relacións afectivas e de comunicación tanto sociais como familiares.
Esta educación liberadora e cooperativa centrarase na motivación e interese dos meniños e meniñas, respectando o ritmo e características de cada quen.
Será un espazo educativo inclusivo, laico, respectuoso e aberto á comunidade social do seu entorno.
As actividades faranse en contacto co medio natural e fomentarán a expresión artística como a música, a pintura ou o movemento. A aprendizaxe dos coñecementos será un proceso activo lúdico de construción e investigación, para as crianzas dende a creatividade e liberdade.
A educación en valores é clave para un desenvolvemento persoal axeitado. A tolerancia, a solidariedade, a empatía, a igualdade, as habilidades sociais ou a expresión de sentimentos serán elementos presentes no clima diario da Avoaescola.
O contacto con apego conformará unha relación baseada no afecto e na confianza.
Avoaescola de Ferrolterra goza dun lugar privilexiado ao lado do paseo marítimo, dun parque infantil e de amplas zonas verdes.
As propias instalacións contan con zona de xogo ao aire libre, espazos verdes e unha horta ecolóxica. Primará o concepto de funcionamento sostible, aprendendo sobre ciclos da natureza a través, por exemplo, da compostaxe e reciclado.
Avoaescola é unha cooperativa na que as propias familias asociadas teñen poder de decisión sobre as cuestións relacionadas co funcionamento e mantemento do espazo. Ademais participan co persoal educativo na xestión e dinámica educativa.
Avoaescola Ferrolterra abrirá as súas portas no vindeiro outono para comezar unha aventura chea de liberdade, convivencia e aprendizaxe!
Este proxecto está impulsado pola cooperativa (de ensino) Avoaescola, apoiada económica e socialmente pola Asociación Galiza co Galego, en colaboración coas Asociacións pedagóxicas Nova Escola Galega e Asociación Socio-Pedagóxica Galega, e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.

Máis información aquí: avoaescolaferrolterra@gmail.com
Formulario de inscrición aquí.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega asinou un convenio coa Asociación Galiza co Galego

Como asociacións coincidentes no obxectivo dunha educación laica, plural, en valores, de calidade e en lingua galega, ambas entidades acordaron que Galiza co Galego difunda as actividades, publicacións e propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e esta última porá os seus recursos á disposición de GcG e participará nas actividades educativas promotoras da cultura e lingua, dentro da Rede de Ensino Popular.
As persoas asociadas de ambas as asociacións beneficiaranse das actividades e das actuacións conxuntas que acorden.
Galiza co Galego suma así máis recursos para o ensino en galego, pois este convenio vén xuntarse aos xa subscritos coas asociacións pedagóxicas Nova Escola Galega (NEG) e Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).

A Pobra de Trives: V Congreso Manuel Luís Acuña. Nos tempos en que Acuña era bacharel, os 1 e 2 de marzo

O venres 1 e sábado 2 de marzo celébrase na Casa da Cultura da Pobra de Trives o V Congreso Manuel Luís Acuña, baixo o lema Nos tempos en que Acuña era bacharel, organizado polo Concello da Pobra de Trives, a Universidade de Vigo, a Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense e Nova Escola Galega, baixo a coordinación de Xoán Carlos Domínguez Alberte.
A inscrición pode realizarse aquí.

PROGRAMA

Venres, 1 de marzo
16:45-17:00 h. Reparto de material. Presentación da exposición de libros.
17:00-17:15 h. Inauguración oficial.
17:15 h.
* Narciso de Gabriel: Historia dos diferentes modelos educativos do ensino en Galiza.
* Xoán Carlos Domínguez Alberte: Terra de Trives, 37 – Valentín Paz‑Andrade, 39: coordenadas do nacemento dun poeta.
* Francisco García Sánchez: Anos dez en Trives. Música d’Os Trintas.
* Rosa Cid Galante: Breve revisión á situación educativa do primeiro terzo de século XX no partido xudicial da Pobra de Trives e as primeiras mulleres que acceden aos estudos superiores.
* José Luis Fernández Díaz: A música e o ensino da música en tempos de Manuel Luís Acuña.
* José Fernández Fernández: Solpor escolar na terra do ilustre mestre Manuel Luís Acuña: situación escolar actual na Pobra de Trives, introducindo elementos evolutivos de reflexión dende o pasado; relatorio da experiencia da escola de Trives.
* Gregorio Ferreiro Fente: A obra poética en galego de Valentín Paz-Andrade.
* Mercedes Queixas Zas: O feito lingüístico diferencial. Apuntamentos ao redor da galeguización do ensino galego na Revista Nós.
* José Manuel Vázquez López: “La Gota de leche” en Lugo e o papel da muller.
* Marília Julieta Rodrigues Gomes Ruivo: O professorado em tempos de Salazar.
* Carlos Callón: Continuidade e innovación na concepción lingüística de Valentín Paz-Andrade.
* Delfín Caseiro Nogueiras: O papel dos inspectores na conformación da norma culta do galego.
20:30 h. Concerto de música blues e rock do grupo Triblues (Praza do Reloxo).
21:30 h. Representación d’A natureza no reino da escuridade (inspirada nos tempos en que Manuel Luís Acuña era estudante en Trives), de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Grupo de teatro A Illa, do IES da Pobra de Trives.

Sábado, 2 de marzo
10:00 h. Xosé Manuel Cid Fernández: Os mortos do 36. 75 cabo de ano do asasinato de Antonio Caneda, mestre de San Xoán de Río.
10:30 h. Ramón Nicolás Rodríguez: Manuel Luís Acuña. Poeta de culto, figura popular.
11:00 h. Ana Cebreiros Iglesias: A incorporación da muller ao ensino secundario e superior.
11:30 h. Debate.
12:30 h. A Voz da experiencia: ex-alumnos de Acuña na Academia Bóveda e ex-alumnos de Bacharelato de Trives (anos do franquismo).
16:00 h. Documental As Silenciadas (de Pablo Ces), baseado na experiencia das mulleres na guerrilla antifranquista.
17:15-18:00 h. Aurora Marco López: As mulleres na guerrilla antifranquista.
18:15-19:15 h. Xesús Alonso Montero: Lingua e Literatura galegas entre dous séculos.
20:00 h. Clausura e concerto de voz-percusión a cargo de Xiana Lastra e Juan Collazo.

Nova Escola Galega, premio Pedrón de Ouro 2012

Desde Galiciaé:
“A asociación de renovación pedagóxica e defensa do galego no ensino Nova Escola Galega foi designada premio Pedrón de Ouro 2012, que concede o padroado da Fundación do mesmo nome. Ademais, a entidade concedeu o Pedrón de Honra ao gravador, membro do grupo Nova Estampa Galega, Henrique Ortiz Alonso. (…)
O padroado da Fundación sinala nun comunicado que recoñece en Nova Escola Galega “a vontade continuada no tempo (este ano celebra o seu 30 aniversario) a favor dunha educación ao servizo, en particular, da nenez e mocidade da nosa nación, tanto desde as aulas de educación infantil como desde as universitarias e os diversos espazos de formación”. Nova Escola Galega -agrega- “promove unha educación cimentada nas ideas de xustiza, de liberdade e de solidariedade, para formar cidadáns conscientes do país que habitan, conscientes da nosa lingua e cultura, herdade que é preciso manter”.
Pola súa banda, o artista Henrique Ortiz, Ourense 1934, desenvolve a súa traxectoria entre a súa cidade natal, á que sempre estivo unido, aínda vivindo en Madrid, onde deu os primeiros pasos da súa formación artística na Escola de Belas Artes de San Fernando, que amplo na Escola de Artes Gráficas, tamén de Madrid, e na Escola de Belas Artes de París. Xa nos cincuenta coñece a Luís Seoane, co que tivo unha estreita relación e coincide nalgunha mostra con artistas do talle de Saura e Genovés, aínda que será co galego Reimundo Patiño co que manterá unha intensa colaboración, que frutificará en proxectos comúns como a formación do grupo O Quilombo, co que comparte taller ao que tamén acoden poetas do Brais Pinto como Uxío Novoneyra ou Bernardino Graña.
O Pedrón entregarase o próximo 20 de maio nun acto literario na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, no que actuará como mantedora a escritora Fina Casalderrey.”

Ferrol: presentación dos números 50 e 51 da Revista Galega de Educación

O venres 2 de marzo, ás 19:30 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María) de Ferrol, preséntanse os números 50 e 51 da Revista Galega de Educación, publicada por Nova Escola Galega. No acto participan María Dolores Cancedo Gunturiz, Antón Cortizas Amado e Secundino García Mera.