Artigo de Inmaculada Otero Varela en Novas do Eixo Atlántico:
“O debate, necesario e sanísimo, que está a xerar o artigo de Manuel Veiga “A infantilización da literatura galega e o seu perigo de desaparición” publicado na revista dixital Biosbardia o pasado febreiro, é xa unha proba de que si hai público lector en galego, de que aínda non desaparecemos, de que andabamos a rillar as mesmas teimas desde hai tempo, de que periodicamente precisamos exorcizalas porque non queremos extinguirnos, de momento. Non se sabe cantos somos, se chegamos ou non, se damos feito un lectorado sostible (a ecoloxía igual é un dos movemento que máis termos axeitados nos pode achegar), mais a vontade non falta. Se a tese de fondo é que na literatura galega se percibe unha crecente superficialidade discursiva e temática (prefiro non empregar a palabra infantilismo) que pouco achega á idea de arte como descarga eléctrica, como convulsión intelectual, por poñermos exquisitas, totalmente de acordo. Mais vólvenme asaltar as preguntas de sempre. Isto non pasa noutras literaturas? Periga o seu público por este motivo? Non houbo desde hai séculos unha arte máis popular ao carón da que hoxe consideramos canónica? Non acontece noutras esferas culturais como o cinema, a música, mesmo a gastronomía? Hai probas de que “o público capacitado e favorábel a ler en galego desertou” como afirma Manuel Veiga? De ser así, é culpa só dos textos, ou peor, das autoras e autores? Realmente o mercado do ensino en galego é tan substancioso como para que condicione a escrita? Esa simplificación (non acabo de atopar un vocábulo que me preste) que se percibe en moitas narracións pensadas para adultos, non para un público infantil e xuvenil, ten a súa orixe na procura de ventas en institutos? A porcentaxe de alumnado que goza de lecturas fast-food é maior que a porcentaxe de adultos que consomen produtos deste tipo? Ten a totalidade de adolescentes tan mal gusto? E para rematar, é certo que hoxe non temos Casares nin Cunqueiros, nin cousa que se lle pareza?
Evidentemente non teño respostas, só formulacións ao aire, aínda que moitas veces coido que estamos a confundirnos nas preguntas. Antón Figueroa falaba da filoloxización da cultura galega, ao que se podería engadir para este caso unha sorte de grafocentrismo xeneralizado, unha variante da idea kantiana da subxectividade da realidade, aquí non só debido á mediación do suxeito, senón á incidencia das súas manifestacións escritas. Algo haberá de certo nisto, de feito a arte, tamén a literatura, forma parte do real, xera obxectos per se con capacidade para alterar outros elementos da realidade na que se integran. Pero esta presuposición, levada ao extremo, pode facernos pensar que é o texto literario, e só o texto e non outras producións humanas, o que sempre constrúe a realidade e non ao revés. (…)”
Arquivos da etiqueta: Novas do Eixo Atlántico
Francisco Castro: “A Xunta de Galicia faría un gran favor se decidise que o Día das Letras Galegas fose un día de festa pero laboral”
Entrevista a Francisco Castro en Novas do Eixo Atlántico:
“(…) – Novas do Eixo Atlántico (NEE): Máis dun 37% da poboación di que non leu ningún libro no último ano. Porén semella que as letras galegas viven unha época dourada, xa que se están publicando títulos fantásticos, entre as que figuran as súas obras, e as de outras autoras. Como podemos explicar esta dicotomía curiosa?
– Francisco Castro (FC): É unha traxedia que teñamos unha produción cultural das artes escénicas, da música e da literatura, de tan altísimo nivel e que a sociedade galega en xeral viva de costas. Un abre o twitter e ve xente celebrando que Amancio Ortega sexa un dos máis ricos do mundo, como se iso nos beneficiara aos cidadáns normais e correntes. Sen embargo, non damos presumido dos nosos creadores e creadoras, que no caso concreto da literatura están facendo unha literatura de moi alto nivel con recoñecementos internacionais moi potentes e cunha presencia moi forte noutras latitudes lingüísticas. O problema é que temos uns índices de lectura moi baixos e unha absoluta despreocupación política por esta cuestión. Non está na axenda política a cuestión cultural e moito menos a lectura. Queda moi bonito en campaña electoral; todos os partidos de todo o espectro político tócannos aos escritores e editores para que quedemos ben na foto. Pero despois non están para nós. Agás algunha política amiga miña, xa retirada, de enorme cultura e intelixencia, en xeral a clase política é especialmente inculta, polo tanto non teñen o libro como un dos seus intereses. (…)
– NEE: Por que considera negativo para a cultura galega o feito de que o Día das Letras Galegas sexa festivo?
– FC: Penso que desactiva a mobilización. No Día das Letras Galegas só hai un gran beneficiado do feito de que sexa festivo, que son as axencias de viaxes, que teñen un paquete marabilloso que se chama “Día de las letras gallegas”. Ao ser festivo, pillarnos en primavera e dado o moito que traballamos, é un convite a coller o coche e marchar á praia ou o monte, non para gravitar e organizarnos socialmente nunha festa arredor do libro.
Coma sempre, o modelo é o Sant Jordi Catalán, onda toda a sociedade o ten como un gran día, un día laboral, pero no que hai que destinar parte das enerxías e do tempo ao mundo do libro e do libro en catalán. Creo que a Xunta de Galicia faríanos un gran favor, xa non as editoriais ou os libreiros, senón ao país enteiro, decidindo que sexa un día de festa pero laboral.
– NEE: Precisamente o Día das Letras Galegas deste ano está dedicado a Carlos Casares, que foi director de Galaxia de 1986 a 2002. Como conmemora a editorial este acontecemento tan relevante?
– FC: O Día das Letras Galegas é crucial para as editoriais e todos facemos un esforzo terrible, no sentido positivo de actualizar as obras e sacar produtos interesantes. Obviamente cando o ano pasado recibimos a nova de que o 2017 sería para Carlos Casares a nosa ledicia foi inmensa, porque ademais de ser Carlos Casares un dos autores máis importantes da literatura galega, non se entende Casares sen Galaxia, nin Galaxia sen o traballo de Carlos Casares.
Isto implica, para nós, reactualizar toda a súa obra. Ademais vaise publicar a biografía escrita por un amigo íntimo, como é Henrique Monteagudo, así como libros que recuperan textos dispersos de Carlos Casares, xa que foi un autor moi prolífico. E a día de hoxe temos xa previstas dúas campañas de animación á lectura, nas que imos mover máis de 15.000 escolares arredor de A galiña azul. Non nos chega sen máis actualizar a Casares, temos que colocalo no seu lugar de ouro dentro da literatura galega e para nós é crucial chegar aos primeiros lectores, xa que el creou a colección Árbore.
– NEE: Falando de escribir, supoño que neste ano ou no seguinte, vostede nos dará a alegría de ter nas nosas mans un libro seu…
– FC: Fun nomeado o 26 de decembro, e ese día non escribín, pero ao día seguinte si; e onte escribín tres horas. É dicir, teño moi pouco tempo, pero o pouco que teño é tamén para escribir, porque senón eu non sería eu. Levo escribindo desde os 14 anos, que a poesía foi o consolo para a tristura que sentía porque unha compañeira de clase da que eu namorei ela de min non, pero a min serviume para descubrir que a través das palabras era capaz de explicarme. Entón, neste 2017 non haberá novidade, porque toda a miña intensidade ten que estar ao servizo da editorial Galaxia, pero sen dúbida no 2018 haberá nova novela para o público adulto.”