Estefanía Mosquera: “As SMS, as redes sociais ou os chats conforman novos xéneros textuais”

Entrevista a Estefanía Mosquera en Praza e Sermos Galiza:
“Estefanía Mosquera Castro, licenciada en Filoloxía Galega, presenta o seu libro Didáctica da lingua e novos soportes comunicativos: a linguaxe SMS o 25 de xullo no marco do Festigal. O libro é produto da súa tese na Universidade da Coruña. É tamén investigadora e estivo contratada para o proxecto de investigación Glosario crítico da poesía medieval galego-portuguesa. I. Cantigas de amor e cantigas de amigo entre o 2010 e 2011.
– Praza (P): Acabas de publicar o teu libro. É boa época para os escritores/as galegos?
– Estefanía Mosquera (EM): Estamos nunha época complexa en moitos sentidos e, como é obvio, o ámbito editorial tamén se está a ver afectado, sobre todo no contexto social e político en que nos achamos, onde a pesar da calidade literaria de moitos e moitas autores e autoras, seguimos sendo unha literatura minorizada en moitos aspectos. Mais coa tecnoloxía as dificultades para publicar redúcense de forma considerábel e as obras poden ser editadas, cando menos, en formato dixital. No meu caso tiven a sorte de contar tamén coa publicación en papel, e fiquei moi contenta co trato recibido pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
– P: Como xorde a idea do teu libro e tese Didáctica da lingua e novos soportes comunicativos: a linguaxe SMS?
– EM: Pois xorde como resultado das investigacións para a miña tese de doutoramento Lingua e novos soportes comunicativos, no que analizo as características lingüísticas destes novos códigos que se utilizan na rede e trato de eliminar os falsos preconceptos que existen ao seu redor e de analizar a súa proxección social. Neste sentido, un dos ámbitos en que máis temores existen a este respecto é no do ensino, pois considérase que se trata de deturpacións lingüísticas que van acabar coa lingua estándar e que farán que o alumnado non asimile correctamente a variedade normativa. Así, con este traballo queríamos demostrar que as SMS, as redes sociais ou os chats e tamén as súas linguaxes conforman novos xéneros textuais, ao igual que a carta, e que por tanto son perfectamente válidos para traballarmos lingua e tamén literatura. De feito, este tipo de actividades achegan as aulas á rúa e a aprendizaxe formal á informal e deste modo o alumnado pode ver que as aulas de lingua tamén reflicte o que se fai coa lingua fóra delas. (…)
– Sermos Galiza (SG): Hai novelas que incorporan as sms como elemento dentro do relato. Agora mesmo vénseme á cabeza O coitelo de novembro, de Marilar Aleixandre. Coñece algunha que estea escrita integramente en linguaxe sms?
– EM: Si, este novo código aparece como soporte na trama argumental da novela do mesmo xeito que noutras se incluíron fragmentos de cartas. Na literatura anglófona e tamén aquí, en 2010, si que houbo un concurso de mensaxes de Nadal que debían estar redactadas como sms.
– SG: Esperta entón a nosa creatividade?
– EM: Si, permite opcións moi creativas. Hai tamén un escritor finlandés que redactou toda a súa novela coa linguaxe das sms [The last messages, de Hannu Luntiala] porque o contido do relato propiciaba o uso deste tipo de código. O argumento trata sobre un executivo das TIC quen renuncia ao seu traballo e se dedica a viaxar por varios países de Europa e da India mantendo o contacto cos achegados mediante mensaxes curtas de móbil. É moi atractiva para o leitor porque deixa ocos en branco que deben ser enchidos por el. (…)

Santiago: presentación de O coitelo en novembro, de Marilar Aleixandre

O xoves 4 de novembro, a partir das 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago, preséntase o libro de Marilar Aleixandre O coitelo en novembro, publicado en Xerais. No acto, acompañando á autora, participarán Víctor F. Freixanes e Manuel Bragado.

A Coruña: programa do sábado 7 de agosto na Feira do Libro

19.00 h. Presentación do libro Contos para nenos que dormen deseguida de Pinto e Chinto, publicado por Kalandraka Editora. Xunto cos autores, participará no acto Paz Castro.
19.00 h. Os escritores Celso Castro (autor de El afinador de habitaciones) e Narciso de Gabriel (autor de Elisa y Marcela. Más allá de los hombres), asinarán exemplares dos seus libros, publicados pola editorial Libros del Silencio.
19.30 h. Presentación da novela O coitelo en novembro, de Marilar Aleixandre, publicada por Xerais. Xunto coa autora, participará Manuel Bragado.
20.00 h. O escritor Sindo Seixido asinará exemplares do seu libro Huellas de amor en la memoria.
20.30 h. Mesa Redonda: Ser escritora en España. Participan: Milagros Frías, Soledad Puértolas e Espido Freire, e Modera: Fernando Marías. Colabora Ámbito Cultural, de El Corte Inglés.