Estefanía Mosquera: “As SMS, as redes sociais ou os chats conforman novos xéneros textuais”

Entrevista a Estefanía Mosquera en Praza e Sermos Galiza:
“Estefanía Mosquera Castro, licenciada en Filoloxía Galega, presenta o seu libro Didáctica da lingua e novos soportes comunicativos: a linguaxe SMS o 25 de xullo no marco do Festigal. O libro é produto da súa tese na Universidade da Coruña. É tamén investigadora e estivo contratada para o proxecto de investigación Glosario crítico da poesía medieval galego-portuguesa. I. Cantigas de amor e cantigas de amigo entre o 2010 e 2011.
– Praza (P): Acabas de publicar o teu libro. É boa época para os escritores/as galegos?
– Estefanía Mosquera (EM): Estamos nunha época complexa en moitos sentidos e, como é obvio, o ámbito editorial tamén se está a ver afectado, sobre todo no contexto social e político en que nos achamos, onde a pesar da calidade literaria de moitos e moitas autores e autoras, seguimos sendo unha literatura minorizada en moitos aspectos. Mais coa tecnoloxía as dificultades para publicar redúcense de forma considerábel e as obras poden ser editadas, cando menos, en formato dixital. No meu caso tiven a sorte de contar tamén coa publicación en papel, e fiquei moi contenta co trato recibido pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
– P: Como xorde a idea do teu libro e tese Didáctica da lingua e novos soportes comunicativos: a linguaxe SMS?
– EM: Pois xorde como resultado das investigacións para a miña tese de doutoramento Lingua e novos soportes comunicativos, no que analizo as características lingüísticas destes novos códigos que se utilizan na rede e trato de eliminar os falsos preconceptos que existen ao seu redor e de analizar a súa proxección social. Neste sentido, un dos ámbitos en que máis temores existen a este respecto é no do ensino, pois considérase que se trata de deturpacións lingüísticas que van acabar coa lingua estándar e que farán que o alumnado non asimile correctamente a variedade normativa. Así, con este traballo queríamos demostrar que as SMS, as redes sociais ou os chats e tamén as súas linguaxes conforman novos xéneros textuais, ao igual que a carta, e que por tanto son perfectamente válidos para traballarmos lingua e tamén literatura. De feito, este tipo de actividades achegan as aulas á rúa e a aprendizaxe formal á informal e deste modo o alumnado pode ver que as aulas de lingua tamén reflicte o que se fai coa lingua fóra delas. (…)
– Sermos Galiza (SG): Hai novelas que incorporan as sms como elemento dentro do relato. Agora mesmo vénseme á cabeza O coitelo de novembro, de Marilar Aleixandre. Coñece algunha que estea escrita integramente en linguaxe sms?
– EM: Si, este novo código aparece como soporte na trama argumental da novela do mesmo xeito que noutras se incluíron fragmentos de cartas. Na literatura anglófona e tamén aquí, en 2010, si que houbo un concurso de mensaxes de Nadal que debían estar redactadas como sms.
– SG: Esperta entón a nosa creatividade?
– EM: Si, permite opcións moi creativas. Hai tamén un escritor finlandés que redactou toda a súa novela coa linguaxe das sms [The last messages, de Hannu Luntiala] porque o contido do relato propiciaba o uso deste tipo de código. O argumento trata sobre un executivo das TIC quen renuncia ao seu traballo e se dedica a viaxar por varios países de Europa e da India mantendo o contacto cos achegados mediante mensaxes curtas de móbil. É moi atractiva para o leitor porque deixa ocos en branco que deben ser enchidos por el. (…)

Compostela: actividades literarias do 25 de xullo no Festigal 2013 (suspendido polo accidente de tren acaecido o mércores 24 de xullo)

Na Galería das Letras do Festigal 2013, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o xoves 25 de xullo:

16:00 h. Presentación do libro Didáctica da lingua e novos soportes comunicativos: a linguaxe SMS, de Estefanía Mosquera Castro, publicado pola AS-PG.
16:30 h. Presentación do libro Diario de Lugo, Xosé Ramón Fernández e Oxea “Ben Cho Shey, publicado pola Deputación de Lugo.
17:00 h. Presentación de Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez, publicado en Xerais. No acto participa, co autor, Pilar García Negro e Manuel Bragado.
17:30 h. Presentación de Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Antonio Mourelos e Victor F. Freixanes.
19:45 h. Presentación de Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, publicado en Através Editora. Participa, xunto á autora, Rafa Vilar.
20:15 h. Presentación de Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais, coa participación do autor e Manuel Bragado.
21:15 h. Presentación de Quem fala a minha língua?, publicado por Através, e que será presentado por Valentim R. Fagim e Gemma Fernández, con intervencións de Jairo Dorado e Carmen Alén, dous dos seus autores.