Entrevista de Montse Dopico a Oriana Méndez en Praza (foto na Wikipedia):
“- Praza (P): O corazón pronúnciase extenso gañou o premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón, pero ata agora pasou bastante desapercibido. Da edición encárgase Espiral Maior…
– Oriana Méndez (OM): O libro gañou o premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón o ano pasado, mais ese recoñecemento resultou ser máis unha lousa ca un premio, pois no lugar de promover as obras gañadoras, o concello de Padrón diríase que as silencia e as sepulta. Nin tan sequera facilita a súa publicación nunha editorial. Así aconteceu tamén coas obras anteriormente premiadas: resulta case imposible atopar o seu rastro en librarías, bibliotecas e mesmo algunha noticia na rede. Loxicamente, isto é algo do que me decatei despois de ter enviado o libro ao concurso. Un bo erro meu, si.
Con este premio de poesía, o Concello de Padrón representa unha práctica profundamente nociva que levamos padecendo durante décadas no ámbito da cultura galega: facer que se fai cultura, facer que se promove a literatura e, na realidade, simplemente erguer un nome, neste caso nada menos ca o de Rosalía de Castro, de xeito baleiro e sen ningún interese real no que se di promover. O Concello de Padrón, baixo o meu punto de vista, non é merecedor de convocar este premio mentres trate as obras con semellante desleixo.
E isto que digo ten pouco que ver con que o concello estea gobernado polo Partido Popular. O concello de Carral, por exemplo, estivo gobernado polo PP durante moitos anos e iso non lle impediu convocar un premio de poesía ben recoñecido por coidar, respectar e promover non só as obras gañadoras, senón a poesía en si mesma. Falo con coñecemento porque tiven a honra de gañalo e de estar no seu xurado no ano seguinte.
Por fortuna, O corazón pronúnciase extenso verá a luz grazas a Espiral Maior e ao seu editor Miguel Anxo Fernán-Vello que quixo darlle a man a este libro. Eu agradézollo inmenso. Iamos presentalo en Vigo, xunto coas amigas Iolanda Zúñiga, Silvia Penas e Míriam Rodríguez. Quedou parado pola emerxencia sanitaria, coma tantas producións. Sairá algún día da nova era.
– P: O corazón pronúnciase extenso é un verso que aparece case ao final do libro. O corazón está bastante presente nas súas páxinas, en xeral. Que é o corazón neste poemario? Por que este título?
– OM: Este título e tamén a imaxe recorrente do corazón falan da verdade que reside no amor pola vida, unha verdade aberta e profunda. Hai un fermoso mural en Lalín que, sobre unha bandeira de Palestina, di: “nós tamén amamos a vida cando podemos”. Iso é o corazón. Ese é o título do libro. Pronunciamos a verdade extensa da defensa da vida.
– P: O poemario parece situarse no tempo histórico do último século: desde a guerra civil, quizais. En relación con el, aparecen a memoria, o esquecemento ou a esperanza. Cal é o tempo deste libro?
– OM: Acontece no presente. O libro é unha travesía ou éxodo a través da neve que se está producindo. Non obstante, leva producíndose longo tempo. Concordo coas referencias ás que aludes e é posible que as persoas e os feitos que transitan estes poemas veñan camiñando dende a guerra civil. (…)”