Desde o blogue Trafegando ronseis:
“Dende hai dous cursos tiña en mente este proxecto, unha serie de vídeos que amosasen que o autor está detrás das páxinas que lemos, que imos avanzando polas liñas que el escribe para cada un de nós. Pero para levalo a cabo os atrancos foron máis dos esperables.
Desta volta, un par de alumnos de 1º de Bacharelato tiveron a amabilidade e xenerosidade de axudarme a que este proxecto vexa a luz e editaron unha serie de vídeos que vos irei presentando ao longo destes días. Pouco a pouco, de seguro, iremos mellorando. Teremos que ir superando algunhas eivas obvias.
Nesta ocasión será Xabier P. DoCampo que nos preste a súa voz mentre lemos O país adormentado.
Arquivos da etiqueta: O país adormentado
Vídeo da intervención de Xabier P. DoCampo no IES de Silleda arredor da súa obra O país atormentado
Xabier P. DoCampo: “A democracia, neste momento, está nas rúas”
Entrevista a Xabier P. DoCampo en Praza:
“(…) – Praza (P): O país adormentado é unha reedición dun libro de primeiros dos 90. Pero parece que foi escrito agora: un pobo paralizado polo medo…
– Xabier P. DoCampo (XPD): É certo, cando me puxen a revisalo tiven esa sensación. O gran tema do libro é o medo, e en concreto a utilización do medo como instrumento de poder, de dominio e de manipulación da xente, que é o que está sucedendo agora. Como é posible que non reaccionemos ante o que está a pasar? Se cadra por medo a que todo sexa aínda peor. É o sentido desa frase terrible: “os vosos fillos serán a primeira xeración que viva peor que os seus pais”. O poder sempre vai querer que durmamos, que non reaccionemos, e eu quero chamar á reacción, a espertar. (…)
– P: Si, claro que falaremos de libros. A nova novela xuvenil que vas publicar é unha homenaxe aos relatos sobre illas, non si? Xa antes fixeras algo así, como en Un conto de tres noites…
– XPD: É un tributo ás novelas sobre illas. Pola miña idade, pola miña formación literaria, a novela da miña vida foi A illa do tesouro. Robinson, as illas… representan o topos máis esencial da novela de aventuras. Este verán fun a un seminario no que se falou da morte e o amor como os grandes misterios da vida: o eros e o thanatos. E o abandono nunha illa é como a morte, o desamor. Nesta novela, uns nenos pérdense nunha illa, e van atopando unha serie de personaxes que son os heroes deste tipo de novelas. Situei a illa ao norte da costa de Lugo…
– P; Tamén traballas nunha novela para adultos. Ten xa título? Ten que ver, segundo lle explicaches a Alberto Ramos, con arranxar contas con todo o que fai de nós o que queren que sexamos. As estafas ás que nos someten.
– XPD: Aínda non ten título. Levo xa once anos traballando nesa novela. Ten que ver co camiño que escollemos na vida, polos motivos polos que somos como somos. Quixen reflexionar sobre iso. Sobre o medo, sobre o mal que se instala no corazón da xente no lugar que tería que ocupar a bondade… (…)
– P: Pero agora edítase menos. E hai menos teatro -ti tamén fixeches teatro-. É pola crise ou, como dixo alguén, por un intento de retirar da escena pública os artistas galeguistas para que non sexan referente social?
– XPD: Creo que é unha boa definición esa que dis. O teatro e as pancartas eran os únicos espazos que quedaban para a hexemonía do galego. Entón empezaron a tentar convencernos de que o teatro que non se escribía en galego tamén era galego. E pregúntome que beneficio pensan que van tirar con esa desgaleguización. Como dixen, quedarán no recanto máis cego da historia.”
Xabier P. DoCampo fala sobre O país adormentado
Xabier P. DoCampo fala na Feira do Libro da Coruña do 2012 sobre o seu libro O país adormentado, publicado en Xerais:
A Coruña: actividades destacadas do xoves 9 na Feira do Libro
Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do xoves 9 de agosto son:
– 19:00 h.: Presentación da editorial Galebook e dos libros publicados As trovas de Midas, de Diana Varela Puñal e O pitiño revolucionario, de Xulio L. Valcárcel.
– 20:00 h.: Presentación de O país adormentado, de Xabier P. DoCampo, publicado en Xerais. Participan: Manuel Bragado e o autor.
– 20:45 h.: Presentación Atl, de Manuel Lourenzo González, publicado en Xerais. Participan: Manuel Bragado e o autor.
– 21:15 h.: Presentación de O meu primeiro Celso Emilio, de Xiana e Xosé Lastra, publicado en Xerais. Participan: Manuel Bragado, os autores e varios músicos participantes no libro.