Roque Cameselle: “O pequeno mago simboliza o coñecemento baseado na razón contra a superstición da Igrexa”

Entrevista de Montse Dopico a Roque Cameselle en Magazine Cultural Galego:
“Bieito Dubidoso é un neno que é quen de deixar a todo o mundo abraiado cos seus trucos de maxia. Mais as súas habilidades non lle gustan nada ao bispo de Tui, que exerce a tiranía sobre os veciños aproveitando a súa superstición. O pai de Bieito é un comerciante de éxito que tenta lidar como pode coa Igrexa, mais que só recoñece, no fondo, o poder civil. Porque as cousas están a mudar naquel Reino Medieval de Galiza. Disto fala o primeiro dos filmes que proxectará o festival de Cans este ano, O pequeno mago, de Roque Cameselle. Falamos co director desta película, e cos responsables de tres curtas de animación que tamén van poderse ver en Cans, Elizabeth Rodríguez, Iván Fernández e Bruno Martínez.
– Montse Dopico (MD): Primeiro veu o libro e logo a adaptación para cinema. Como foi ese proceso de adaptación? Animouvos a facer a película a boa acollida do libro?
– Roque Cameselle (RC): En realidade, o primeiro foi un guión que se converteu en novela. Despois da novela, fixen un novo guión adaptando a mesma historia aos debuxos animados. O problema principal era unha escena de Sara Homedouro que para os nenos considerábase non procedente. Acaba de saír unha edición especial do libro, que editou Xerais, que inclúe o DVD coa película en galego.
– MD: Querías contar unha historia do esplendor do Reino Medieval de Galicia, afastándote dos tópicos da imaxe dun país escuro, triste… E escolliches Tui. Por que?
– RC: Tratándose de describir unha cidade galega no medievo que puidera representar toda a historia de Galicia naquel tempo escollín Tui pola súa condición de raiana con Portugal e porque en pequena escala reproduciuse todos os avatares daquel reino. (…)
– MD: Yolanda Castaño fai a narración, nas voces hai actores ben coñecidos… Queres salientar algo dese equipo artístico e do técnico?
– RC: Na película, como en todas las de animación tradicional, participaron un monte de persoas, máis de trescentas. Destacar entre eles a xente máis salientable é un labor que se me fai imposible. O Pequeno Mago é ante todo unha obra colectiva.”