“O Casares por (volver) ler”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A compilación de máis de 400 artigos en 800 páxinas de, segundo o editor Xosé Soutullo, “letra apretada”, dedicadas á lectura, ao libro e á lectura conforma A ledicia de ler. O limiar é da profesora Dolores Vilavedra. Textos que viron a luz entre 1975 e 1982 no xornal La Voz de Galicia, recollen “a súa maneira de entender a literatura, fixa a súa ollada literaria”. E se nesta existe unha liña de forza, indica Soutullo, é aquela que critica “a literatura posta ao servizo da política”.
Casares, que acompañara o antifranquismo e se comprometera en organizacións como a Asociación Democrática de Estudantes e a Frente de Liberación Popular, “non negaba que a política estivese presente na literatura, mais non quería que esta se sometese a un programa político”. A ledicia de ler, con todo, ía máis alá da autopoética e aínda hoxe serve como rexistro dunha época chave para a literatura galega.
“Neses anos hai un aumento considerábel da produción literaria”, lembra Soutullo, “e os seus artigos recóllena. Ao tempo, percibimos como se van incorporando novas xeracións de autores”. A Transición, engade, non era unicamente política. As letras tamén entraban en metamorfose. O escritor Casares estaba atento ao libro galego en sentido amplo: narrativa, ensaio, historia. “Nos últimos anos incorpora novos temas e comeza a falar de literatura universal. É como un aviso do que fará despois na sección Á marxe”. Que empeza en 1982 e que Galaxia xuntou en dez volumes.
Se o xornalismo resulta indispensábel para enxergar a dimensión do escritor e o intelectual Carlos Casares, O suicidio de Jonas Björklund e outras historias ofrece unha concisa panorámica sobre a súa obra narrativa. Trátase de 20 relatos aparecidos en revistas, na prensa, en libros colectivos ou mesmo de maneira independente, e escritos entre 1965 e 2001. “Os temas principais da súa literatura están neste volume: a violencia, o dogmatismo, a tolerancia. E todo atravesado polo humor”, considera Xosé Soutullo. (…)”