Artigo de Santiago Jaureguízar en El Progreso:
“José Luis Calvo confesa que unha das primeiras cousas que o impresionou de Lugo non foi unha paisaxe, como adoita, senón un son. O escritor e investigador ovetense arribou á cidade en 1989, pero tomou conciencia físíca cinco anos máis tarde, na Noite dos Tolos, a celebración que organiza o club Clavicémbalo. Naquel evento, sentiu un recitado telúrico de Isidro Novo; «impactáronme a contundencia da súa voz e a forza das súas imaxes». Aínda lembra o título do poema que estaba lendo o poeta, Crise. A partir de aí entrou en contacto, unha canda outra, coa persoa e coa obra. A fascinación foi medrando e encauzouse nunha reflexión que quedou plasmada en Xograr da gravidade, que Calvo presentou onte xunto co autor estudado e Carlos Gegúndez en Lugo. O experto asegurou que o título está tirado dun poema que dedicou a Novo en Definitivo territorio -«un libro dedicado a Lugo»- e que fai referencia ao escritor «como xograr moderno e que ten gravidade por esa contundencia da súa voz e esas imaxes pouco comúns». (…) José Luis Calvo definiu a lírica de Isidro Novo como «un reflexo da desgraza humana», pero, a diferenza da visión opaca do parente, «sempre amosa un atisbo de esperanza». Reiterou que «trata temas moi duros, fai crítica social, pero o lirismo sempre está presente». A seguir citou ao poeta analizado para exaltar que «a poesía é a grande emoción», unha idea que lle valeu para anotar que «ten que existir esa beleza que sae do home, que aínda que escriba unha poesía dura, como no caso de Isidro, ten unha noción de canto musical, como acontecía con Neruda ou con Celso Emilio». Isidro Novo recoñeceuse «abafado» pola xeira de José Luis Calvo e «abrumado» porque ten conseguido ofrecer en Xograr de gravidade unha concepción da súa obra «moi parecida» á que ten el, sobre todo, na súa consideración da poesía «coma a magna arte». «Como poeta non son prolífico porque me dedico con devoción a cada libro», afirmou o escritor.”
Arquivos da etiqueta: O Xograr da Gravedade. A escrita lírica de Isidro Novo
Lugo: presentación do libro O Xograr da Gravedade. A escrita lírica de Isidro Novo, de José Luis Calvo
O martes 3 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, terá lugar a presentación do libro O Xograr da Gravedade. A escrita lírica de Isidro Novo, de José Luis Calvo, publicado pola editorial Nabetes, de Pontevedra, con ilustracións de Elerre. No acto participan, xunto ao autor do libro, intervirán Carlos Gegúndez e o poeta levado a estudo.