Samuel L. París: “Cando acabei o poemario quitei un peso de enriba, foi como se marchase algo meu”

Entrevista de Olalla Bouza a Samuel L. París en Diario de Arousa:
“(…) – Diario de Arousa (DA): A súa poesía ten bastante de posicionamento político, segue O tenro é o salvaxe nesa mesma liña?
– Samuel L. París (SLP): Nunca considerei que o que fago é moi político, senón con certa conciencia social. Entendo que estaría a miña obra máis ben nese terreo. E esta liña mantense, pero fixen o esforzo de indagar noutros temas que, ao principio, costábame máis meterme. Fixen esforzo por entrar nos temas máis persoais. Amoso unha parte que xa estaba algo apuntada no anterior traballo, O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo, pero neste fun a por todo.
– DA: E cales serían eses temas nos que afonda?
– SLP: A vulnerabilidade, a capacidade para equivocarme e revolcarme, temas familiares nos que ata agora nunca entrara… Non participara niso, nese tipo de poesía. Agora abordo temas máis vivenciais, como unha mirada sobre a infancia. Cando vas gañando anos, permíteste botar a mirada atrás para ver que pasou aí. Nesta ocasión entrei nese tipo de temáticas, que ás veces están nun primeiro plano e outras máis desdebuxadas. (…)”

Andrea Fernández Maneiro: “A poesía é lenta, non é unha carreira. É ir a pasear como pasean os nenos e ollar e cheiralo todo”

Entrevista de Olalla Bouza a Andrea Fernández Maneiro en Diario de Arousa:
“(…) – Diario de Arousa (DA): É Meridiano Orixe un libro de viaxes?
– Andrea Fernández Maneiro (AFM): Pode ser. Meridiano Orixe é como se lle chama en Galicia ao Greenwich. É un sitio onde nace e morre o tempo e aí é donde repousan todas as cousas. Para viaxar sempre tes que ter un punto de retorno. Habitualmente cando fan libros de viaxes quédanse fora e eu non quero quedar fora, porque a miña referencia está aquí. Aínda que vivo en Vilagarcía, eu síntome afojacristos. En Carril vivín de nena, a miña nai tivo unha tenda na subida da igrexa, alí foi o meu primeiro amor, con doce ou trece anos… É un punto importante na miña vida para asentar. O poemario está dividido en varias partes e todas elas acaban tendo unha referencia en Galicia ou en Portugal. É unha viaxe emocional, vencellada ao que ves. A emoción ten sempre que ver co que tes arredor.
– DA: Como decide vostede escribir este poemario?
– AFM: Empezou nunha viaxe. Eu nas viaxes non teño tempo de facer libros, porque sufro un ‘Stendhal’ permanente. Pero cando chego a casa e pouso, e abro as doce mil fotos, vou recuperando instantes que poden parecer non importantes, pero que para min o son. Como sentarme cunha velliña de Maramures (Romanía) e que ela me conte, como pode, coas mans, o punto que está a facer e como fixo os calcetíns. Os pequenos detalles, que non esqueces, son os que van no Meridiano Orixe.
– DA: Aparecen, sobre todo, figuras de mulleres…
– AFM: Interésame moito a vida das mulleres, relacionarme con como perciben a vida noutros mundos. Interésame unha rapaciña que fai punto de cruz nun campo e nin levantou a mirada para ti. A eles non lles chama a atención un grupo de turistas facendo fotos. As viaxes teñen que servir para aprender a non xulgar, solo compartir. Porque os nosos parámetros non son os deles. A min dinme: “Na India hai moita pobreza”. E é verdade. Pero din: “Pobriños”. E non. Desde o teu punto de vista, a súa vida pode ser miserable. Desde o seu, son felices. Hai xente que non precisa cousas que nunca tivo. Viaxando eu aprendo que Lisca é un nome, e aquí escorrentamos un can. Logo tamén miro museos, pero eu prefiro á xente. E Meridiano está cheo de xente. (…)”