Marilar Aleixandre anticipou os problemas da serie Adolescencia: “Aínda me piden, 17 anos despois, falar en institutos da novela de dúas rapazas violadas”

Entrevista de Olalla Sánchez a Marilar Aleixandre en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): A obra céntrase non tanto na violación física como na social de despois…
– Marilar Aleixandre (MA): Si, inspirada no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira, eu quería reflectir como nos días seguintes á violación, as rapazas descobren, ao igual que a Medusa, que moitos non se atreven a miralas en fite, intentando facer repensar sobre quen debe avergoñarse. A distinta postura dos pais das mozas, que se debaten entre denunciar ou non, polas complicacións que lles pode ocasionar, é algo central.
– LVG: Como fora e é recibida a obra?
– MA: Sempre moi ben. Os rapaces nunca tiveron problemas co libro. Cun argumento tratado de maneira delicada, hai que confiar neles cando se trata de chamarlle ás cousas polo seu nome. Iso si, lembro comentarios, illados, duns comerciais, cando a obra se traducira tamén ao castelán [está tamén en éuscaro e inglés], de que era un tema que non interesaba nos institutos… Non obstante, aínda agora, 17 anos despois de publicarse, seguen chamándome de distintos centros para ir falar sobre ela. Hai pouco contactáronme dun para unha charla sobre as mulleres na Academia. En plena polémica polas mandas, eu propuxen a cambio un debate cos estudantes sobre A Cabeza de Medusa. Ao comezo no centro tiñan reservas por se non era un libro adecuado para cuarto da ESO, algo que eu non entendía. Ao final fíxose, e mentres eu lles introducía en porcentaxes de mulleres que foran acosadas e violadas, trasladando o cálculo a cantas das cen nenas alí presentes lles podería pasar, unha rapaza da primeira fila ergueu a man e relatou: «Eu fun violada». Case caio. Pensei en como mudara todo. Antes era algo que se ocultaba…
– LVG: Aínda así, moitos falan de regresión entre os mozos ante o auxe do feminismo…
– MA: O risco de volver para atrás sempre existe; vémolo agora con todo o que acontece. Pero as mulleres adoptaron a perspectiva feminista e iso é importante. Eu nas presentacións en institutos noto que cada vez hai máis preguntas de rapaces. Algo que tamén percibo é que, fronte a series que poñen en dúbida o papel dos mestres, moitos están atentos ao que acontece, tratando de facerlles ver bulos das redes. (…)”

Ánxela Gracián gaña o 10º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2022

Desde Baía Edicións:
“Reunido e mirando á Baía da Coruña, hoxe 17 de maio de 2022 o xurado do 10.º Premio Meiga Moira, integrado por Violeta Meléndrez (influencer e bookstagramer divulgadora da literatura galega nas redes sociais), Pilar Ponte (profesora de ensino medio, dinamizadora da normalización lingüística no ensino e na sociedade e activista cultural), Armando Requeixo (investigador no Centro Ramón Piñeiro, profesor na USC, crítico literario e promotor do blog Criticalia), Blanca-Ana Roig (profesora na USC, investigadora da literatura infanto-xuvenil galega e crítica literaria), e Olalla Sánchez (xornalista de La Voz de Galicia e divulgadora da literatura infanto-xuvenil), outorgou por unanimidade o premio á obra Donas de nós, presentada baixo o lema “María Balteira”, que resultou ser da escritora Ánxela Gracián.
O xurado valorou en Donas de nós:
A súa proposta de revisión e reescrita da mellor tradición literaria ao incorporar como protagonistas personaxes como o Mago Merlín, a Fada Morgana, o Príncipe Azul ou os Reis Provenzais, creando un artefacto dramático metaliteraturizado non exento de humor e ironía, onde se visitan e actualizan temas importantes do noso tempo e de todo tempo dando unha ollada claramente identificada e feminista.
Tamén si, coa súa decisión quixo apostar pola escrita teatral como xénero idóneo para achegar os valores da creación literaria e como vehículo para convidar á mocidade a coñecer e recoñecer o mundo que nos rodea, as súas problemáticas e os seus retos e os camiños aínda por andar, así como unha ferramenta para o desenvolvemento persoal.

A obra premiada recibirá unha dotación económica a de 2.000 euros e será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira. (…)”