Xulia Alonso e Francisco Calo Lourido galardoados na XXVI edición dos Premios Antón Losada Diéguez

“O xurado da XXVI edición dos premios Antón Losada Diéguez otorgou o premio de creación literaria a Xulia Alonso, pola súa obra Futuro imperfecto e o de investigación e ensaio a Francisco Calo Lourido, polo seu traballo Os Celtas: Unha (re)visión dende Galicia. O xurado valorou en Futuro Imperfecto a enorme intensidade emotiva que introduce a vida dentro da literatura. Narra unha experiencia vivida que representa tamén a historia dunha xeración que sucumbiu ao engano da droga como negocio manexado por xente sen escrúpulos. A obra está editada pola Editorial Galaxia. Da obra Os Celtas. Unha revisión dende Galicia, editada por Xerais, os integrantes do xurado destacaron o rigor documental, as diferentes fontes de aproximación ao problema histórico dos celtas e do celtismo, así como o seu reflexo en Galicia, nun debate aberto que tivo a súa importancia na configuración da identidade mítica dos galegos.” Vía Asociación Galega de Editores. O xurado estivo composto por Francisco Fernández Rei, Henrique Monteagudo, Francisco Fariña, José Luís Valladares, Anxo Tarrío, Xosé Henrique Costas e Xosé Ramón Freixeiro, actuando como presidente Cipriano Caamaño e vicepresidenta María Josefa Pérez.