Xulia Alonso gaña o Premio San Clemente en lingua galega, por Futuro imperfecto

“O primeiro libro de Xulia Alonso Díaz, Futuro imperfecto, resultou gañador da XVII edición do Premio Arcebispo Juan de San Clemente en lingua galega. Os outros finalistas foran Denso recendo a salgado, de Manuel Portas, e Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes. En castelán a novela gañadora foi Riña de gatos, de Eduardo Mendoza, e en lingua estranxeira Brooklin, de Colm Tóibin. Organizado polo Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, o Premio está dotado con 9.000 euros e recoñece a mellor novela do ano en cada modalidade, elixida por alumnos de Bacharelato deste e doutos catro institutos galegos. A edición deste ano contou ademais cun instituto portugués e outro de Madrid.” Vía Galaxia.

Xulia Alonso e Francisco Calo Lourido galardoados na XXVI edición dos Premios Antón Losada Diéguez

“O xurado da XXVI edición dos premios Antón Losada Diéguez otorgou o premio de creación literaria a Xulia Alonso, pola súa obra Futuro imperfecto e o de investigación e ensaio a Francisco Calo Lourido, polo seu traballo Os Celtas: Unha (re)visión dende Galicia. O xurado valorou en Futuro Imperfecto a enorme intensidade emotiva que introduce a vida dentro da literatura. Narra unha experiencia vivida que representa tamén a historia dunha xeración que sucumbiu ao engano da droga como negocio manexado por xente sen escrúpulos. A obra está editada pola Editorial Galaxia. Da obra Os Celtas. Unha revisión dende Galicia, editada por Xerais, os integrantes do xurado destacaron o rigor documental, as diferentes fontes de aproximación ao problema histórico dos celtas e do celtismo, así como o seu reflexo en Galicia, nun debate aberto que tivo a súa importancia na configuración da identidade mítica dos galegos.” Vía Asociación Galega de Editores. O xurado estivo composto por Francisco Fernández Rei, Henrique Monteagudo, Francisco Fariña, José Luís Valladares, Anxo Tarrío, Xosé Henrique Costas e Xosé Ramón Freixeiro, actuando como presidente Cipriano Caamaño e vicepresidenta María Josefa Pérez.

O Barco: presentación de Futuro imperfecto, de Xulia Alonso Díaz

O xoves 28 de abril, ás 20:00 h, na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán (Rúa Academia Dequidt, 6) do Barco de Valdeorras, preséntase o libro Futuro imperfecto, de Xulia Alonso Díaz, publicado en Galaxia. No acto a autora estará acompañada por Eduardo Ojea Arias e Arturo Ponte.

Vigo: presentación de Futuro imperfecto, de Xulia Alonso Díaz

O venres 19 de novembro, ás 20:00 h, na Casa do Libro de Vigo, preséntase o primeiro libro de Xulia Alonso Díaz, Futuro imperfecto, publicado en Galaxia. No acto participan, coa autora, Víctor F. Freixanes, Concha Báez Montero e Margarita Viñas Neira.