Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Jesús Castro Yañez fala do libro Os nomes e os himnos, co que gañou o Premio Pérez Parallé de poesía. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Arquivos da etiqueta: Os nomes e os himnos
Jesús Castro Yáñez: “Coa poesía o que intento é converter as palabras en letras para poder dispoñer dun alfabeto infinito”
Entrevista a Jesús Castro Yáñez en Praza:
“Jesús Castro Yáñez vén de gañar a XXVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé coa obra Os nomes e os himnos. Nado en Baltar (A Pastoriza), no 1992, o autor xa fora recoñecido antes co Minerva, o Xela Arias, o Ánxel Casal ou o II premio no certame Díaz Jácome. Di el mesmo que, para el, a poesía foi unha descuberta tardía. Pero que se foi decatando de que era o que quería facer.
– Praza (P): Que supón para ti recibir este premio? Ao lado de outros que xa gañaras como o Minerva, Ánxel Casal…
– Jesús Castro Yáñez (JCY): A resposta é predicible: este premio supón unha alegría maior por mor da publicación do libro por parte de Espiral Maior. Os anteriores, ademais de participar sempre cun volume de poemas moito menor, e aínda que supoñían un recoñecemento por parte dun xurado e unha compensación económica -factores a non desprezar para nada-, dalgún xeito recibinos cunha sensación de que gañar o premio non servía de moito se logo non ía poder chegar a un público. Os poemas quedaban para ninguén, mudos, incompletos sen un lector ou lectora, a non ser que os acabase poñendo en internet.
– P: Es moi novo, ademais. Escribes poesía desde sempre? De que maneira o lugar onde te criaches inflúe no que escribes? É un poemario bastante atento aos sentidos, que moitas veces nos sitúa no rural.
– JCY: Escribo poesía dende hai relativamente pouco. Foi unha descuberta tardía: comecei a ler poemas arredor dos dezaoito anos. Puido ter sido unha obsesión dun par de meses e nada máis se non se tivese dado a casualidade de gañar o Minerva. Dalgún xeito foi a confirmación externa a unha certeza que comezaba a ter de que iso era o que eu quería facer, escribir poesía. En canto á influencia do lugar onde me criei, podo dicir que o poema é permeable ao lugar vivido. O río -medrei ao carón do Miño, na parroquia de Baltar, en A Pastoriza- está de forma reiterada ao longo do libro.
É un poemario que presta moita atención á natureza en xeral, e en especial á auga. Non sei en que medida son imaxes que aparecen de forma inconsciente ou son buscadas, pero nun poema será difícil que fale de semáforos ou tráfico. Falarei, por exemplo, dun pomar ou dunha muller debullando fabas. Considero que é a miña responsabilidade, e non só como poeta, non evitar que o que escribo sexa rural se case toda a miña vida tamén o foi. (…)”
Jesús Castro Yáñez obtén o XXVIII Premio Pérez Parallé
Desde o Premio Pérez Parallé:
“O xurado da XXVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, formado por Estíbaliz Espinosa, Estevo Creus e Fran Cortegoso, escolleu hoxe o libro Os nomes e os himnos como obra gañadora da edición deste ano do certame.
Aberta a plica, descubriuse o nome do autor: Jesús Castro Yáñez, poeta nado en Baltar, A Pastoriza, en 1992.
O gañador obtivo, antes deste, outros premios pola súa obra poética: o Minerva, o Xela Arias ou o Ánxel Casal son algúns deles. Recentemente foi galardoado co I Premio de relato breve Nélida Piñón do concello de Cotobade polo relato O vello e o minotauro.
O Premio Pérez Parallé, convócase desde hai xa case trinta anos no Centro Mercantil e Industrial Unidade, de Fene. Colabora con el o Concello de Fene e a editorial Espiral Maior, dirixida polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello, que publicará a obra gañadora.
O próximo sábado 21 de novembro terá lugar na sede do Círculo Mercantil a entrega dao premio, nun acto que contará coa presenza de Juventino Trigo, alcalde de Fene e coa actuación da rondalla Estrelecer.”