“Sara Plaza Moreno, nada en Bustarviejo, na serra de Madrid, en 1972, obtivo a XXXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.
O xurado escolleu o libro de Sara Plaza Moreno, titulado todos Os pasos fan ruído, de entre 76 obras presentadas a concurso este ano.
Trátase da XXXIII edición deste Premio, creado para homenaxear o poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galiza do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.
A autora galardoada, mestra de formación, tradutora e revisora de textos, di contar tamén “cun feixe de debuxos e fotografías ciscadas aquí e acolá”. Aprendeu galego pola súa conta, preocupada pola situación social e lingüística galega. Lera na prensa sobre as condenas xudiciais a catro rapaces independentistas galegos, e “dende unha dor física e moral que abranguía moitas dores” comezou a escribirse cun deles que se atopaba na cadea. Conta que nalgunha daquelas primeiras cartas ela desculpábase por non coñecer case nada de Galiza e tampouco non saber a súa lingua propia. Esa correspondencia, a amizade que entreteceron e as que dela agromaron, as moitas lecturas, o estudo devagar e a poesía, poñen diante dos seus ollos un mundo ao que, andando o tempo, decide trasladarse. A finais do verán de 2019 chega a Lugo para facer un mestrado na USC e, mentres estaba a preparar o seu TFM, durante o confinamento pola covid-19, gurgulla nas súas mans un libro de poemas. Foron os amigos os que primeiro se decataron e animárona a compartir a súa escrita. (…)
A entrega do premio terá lugar, se o permiten as circunstancias sanitarias, o próximo sábado 21 de novembro ás 20h na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade en Fene.
O xurado desta edición estivo integrado por Carlos Lixó, Lucía Novas e Iris Cochón.”