Sara Plaza obtén a XXXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

“Sara Plaza Moreno, nada en Bustarviejo, na serra de Madrid, en 1972, obtivo a XXXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.
O xurado escolleu o libro de Sara Plaza Moreno, titulado todos Os pasos fan ruído, de entre 76 obras presentadas a concurso este ano.
Trátase da XXXIII edición deste Premio, creado para homenaxear o poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galiza do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.
A autora galardoada, mestra de formación, tradutora e revisora de textos, di contar tamén “cun feixe de debuxos e fotografías ciscadas aquí e acolá”. Aprendeu galego pola súa conta, preocupada pola situación social e lingüística galega. Lera na prensa sobre as condenas xudiciais a catro rapaces independentistas galegos, e “dende unha dor física e moral que abranguía moitas dores” comezou a escribirse cun deles que se atopaba na cadea. Conta que nalgunha daquelas primeiras cartas ela desculpábase por non coñecer case nada de Galiza e tampouco non saber a súa lingua propia. Esa correspondencia, a amizade que entreteceron e as que dela agromaron, as moitas lecturas, o estudo devagar e a poesía, poñen diante dos seus ollos un mundo ao que, andando o tempo, decide trasladarse. A finais do verán de 2019 chega a Lugo para facer un mestrado na USC e, mentres estaba a preparar o seu TFM, durante o confinamento pola covid-19, gurgulla nas súas mans un libro de poemas. Foron os amigos os que primeiro se decataron e animárona a compartir a súa escrita. (…)
A entrega do premio terá lugar, se o permiten as circunstancias sanitarias, o próximo sábado 21 de novembro ás 20h na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade en Fene.
O xurado desta edición estivo integrado por Carlos Lixó, Lucía Novas e Iris Cochón.”

Lupe Gómez, gañadora da II edición dos Premios SELIC con Os caracois de Belvís

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“Lupe Gómez foi a gañadora dos II Premios SELIC de creación literaria na modalidade de poesía, pola súa obra Os caracois de Belvís. As categorías de teatro e narrativa quedaron desertas.
O xurado premiou a obra Os caracois de Belvís, de Lupe Gómez, pola “forma lúcida e delicada, pero non compracente, en que reflexiona, coa vila de Santiago como eixo cordial, sobre os ciclos vitais, imbricando con habelencia o persoal, o comunal e o natural”. Considera que o poemario se converte nunha “vía de homenaxe e resgate da Compostela máis xenuína e tamén máis relegada: a popular, a dos barrios e leiras, que acaba conducindo a verdadeiras epifanías”.
“Luminosa, certeira e visionaria, a obra destaca pola súa estrutura discontinua e envolvente, pola emotividade da súa dicción, así como polo seu sutil achegamento ao terreo da espiritualidade, tan pouco abordada na nosa tradición poética”, conclúe o xurado. (…)
O Premio SELIC ten unha dotación de 2.500 euros, así como a publicación da obra na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
O xurado que seleccionou a obras gañadora dos II Premios SELIC de creación literaria estivo integrado por Helena Villar, Francisco Macías, Iris Cochón, Eduardo Estévez e Francisco Valeiras. “